Pontón saúda o "avance do soberanismo" en Euskadi fronte a un PP "irrelevante"

A portavoz do BNG volve tender a man ao Goberno galego para alcanzar "un gran pacto de país en materia de vivenda".
Reunión do BNG sobre vivenda (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reunión do BNG sobre vivenda (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, felicitou ao PNV e a EH Bildu polos seus resultados nas eleccións vascas ao considerar que "hai un avance do número de escanos nacionalistas e soberanistas" fronte a un PP que "segue sendo irrelevante".

Nunha rolda de prensa decorrida esta segunda feira, Pontón destacou que o PNV "consegue manterse como primeira forza" e "ter a responsabilidade de gobernar o seu país", mentres que EH Bildu "acaba de ter un resultado histórico, tanto en escanos como tamén en votos".

Tras incidir en que hai un avance do nacionalismo e do soberanismo, considerou que este feito será "positivo para Euskadi" e "para a defensa dunha maior democracia, de máis dereitos e máis liberdades no conxunto do Estado español".

Ademais, puxo en valor que se avanza no recoñecemento da plurinacionalidade, a pluriculturalidade e o plurilingüísmo. "E isto sempre é positivo, porque estamos a avanzar en dereitos e liberdades, e por tanto, creo que é unha cuestión positiva", apuntou. Tras iso, incidiu no feito de que o PP en Euskadi "siga sendo unha forza irrelevante" que "quedou moi por baixo das súas espectativas".

Pacto de país en materia de vivenda

Por outra parte, Pontón volveu tender a man ao Goberno galego para alcanzar "un gran pacto de país en materia de vivenda", un dos grandes problemas que sofren "miles e miles de galegos e galegas, singularmente a xente moza", para os que acceder a unha vivenda é "misión imposíbel" porque os prezos non son acordes aos salarios. Polo tanto, destacou, facilitar o acceso a unha vivenda é unha das prioridades do Goberno alternativo do BNG.

Pontón abordou o problema da vivenda con responsábeis municipais do BNG neste ámbito de actuación e, tal e como xa fixera no debate de investidura, propuxo ao Executivo de Alfonso Rueda un gran acordo de país ante unha "suba descontrolada" dos prezos do aluguer que, segundo advertiu a líder nacionalista, o Goberno do PP propiciou e amparou ao "dinamitar a política social de vivenda" e que se sitúa nun incremento medio na Galiza de 44% nos últimos dez anos, até de 63% en cidades como A Coruña.

"Non coñezo a ninguén que neste tempo tivera un incremento do seu salario nin de 44%, nin de 66%", reflexionou para, a continuación, criticar ao Executivo de Rueda non só a súa inacción fronte ao problema, senón que "nin sequera sexa capaz de xestionar os recursos e as axudas que en teoría ten", en alusión á denegación da Xunta da Galiza de axudas ao aluguer que foron solicitadas en 2022.

"Un síntoma do desleixo, a incapacidade e a incompetencia do PP á hora de darlle solucións aos galegos e ás galegas" e unha mostra da súa "non política de vivenda", resumiu Pontón, quen tamén se referiu á fenda xeracional que provoca o custe dos alugueres, cunha mocidade que ten cada vez máis dificultades para independizarse.

Segundo os datos do Observatorio da Xuventude, a taxa de emancipación xuvenil retrocede na Galiza, con 8 de cada 10 menores de 30 anos que continúan vivindo na casa familiar e cunha das taxas máis baixas de emancipación entre os 30 e os 34 anos. "Non é normal que unha persoa con 34 anos teña salario e non poida deixar de vivir na casa dos seus pais", indicou para explicar que o da vivenda non é un problema individual, senón un problema social que condiciona "o modelo de sociedade que estamos construíndo".

Por iso, a portavoz nacionalista ofreceu de novo un acordo de país articulado sobre tres eixos fundamentais, a comezar por incrementar o parque público de vivenda e dar prioridade á destinada a aluguer. Neste sentido, recordou a "distancia sideral" entre a bolsa de vivenda pública que ten a Galiza, de 3%, fronte á que teñen moitos países europeos que superan 20%.

O obxectivo do BNG é dar prioridade no curto prazo á compra de vivenda baleira, rehabilitándoa de ser preciso e tendo en conta que na actualidade hai medio millón de inmóbeis baleiros no país, dos que 90.000 están concentrados nas cidades.

"Esta é unha medida máis rápida, que ten ademais un menor impacto medioambiental e polo tanto é tamén máis sustentábel, e que pode permitir no curto prazo incidir dunha maneira directa en que miles de persoas poidan ter acceso a unha vivenda en aluguer a un prezo que estea acorde cos salarios que hai no país", afondou para explicar unha iniciativa que non implica deixar de construír obra nova que, segundo subliñou, a Xunta debe seguir impulsando para destinar "exclusivamente ao aluguer".

En segundo lugar, a portavoz do BNG avogou por "planificar as vivendas de uso turístico" porque "é evidente que están provocando unha forte distorsión dos prezos en moitas cidades e moitas vilas" e, en terceiro lugar, considerou fundamental que "a Xunta asuma as súas competencias en materia de vivenda e que deixe de derivar as súas responsabilidades aos Concellos".

Pontón referiuse así aos mecanismos que ten na súa man o Goberno galego para intervir na suba de prezos dos alugueres como é a declaración de zonas tensionadas. "O que non poder ser é que queira derivar as súas responsabilidades aos Concellos e ademais estea boicoteando na práctica que poida aplicarse unha medida que incida na suba de prezos que está asfixiando a miles de familias no noso país”, criticou.

Por último, defendeu a urxencia de dar cobertura ás persoas que están en situación de maior vulnerabilidade con medidas específicas por parte da Xunta, "máis tendo en conta a fenda social que está a provocar o aumento dos prezos do aluguer, tal e como advirten as organizacións que loitan contra a pobreza e que sinalan á dificultade de acceso á vivenda como un dos indicadores principais".

A líder nacionalista defendeu deste modo as propostas que o Goberno alternativo do BNG levará ao Parlamento da Galiza en distintas iniciativas e que incluíu na proposta para obter ese grande acordo de país en materia de vivenda, un acordo que considerou necesario, tal e como fixeron outros países europeos, porque "estamos falando das oportunidades que lles damos ás xeracións seguintes e tamén da sustentabilidade urbana e territorial do país", concluíu.

Comentarios