18-F | Crónica

Remata a campaña con todo aberto: Pontón e Rueda xóganse a Presidencia da Xunta por un feixe de votos

Galiza enfronta as súas eleccións máis abertas desde o comicios de 2009. Nesta ocasión, as sondaxes sitúan Alfonso Rueda e Ana Pontón nunha dura pelexa por poucos votos para Gobernar o país nos vindeiros catro anos.

Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, nos seus actos de final de campaña.
photo_camera Alfonso Rueda, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, nos seus actos de final de campaña. (Fotos: Nós Diario)

A campaña electoral chegou esta sexta feira ao seu remate con todos os escenarios abertos. Mentres nacionalistas e socialistas chamaron a aumentar a participación e a concentrar o voto de esquerdas coa vista posta nun Goberno alternativo, os populares demandaron unha mobilización para evitar un Executivo presidido polo BNG que as sondaxes ven factíbel. Neste sentido, á vista das últimas sondaxes publicadas, a Presidencia da Xunta da Galiza xógase por moi poucos votos entre Alfonso Rueda e Ana Pontón.

O Partido Popular fechou a campaña en modo pánico. Os populares, que comezaron o proceso electoral transmitindo a idea de que tiñan garantida a maioría absoluta co obxectivo de desmobilizar os votantes favorábeis ao cambio, remataron hoxe chamando ao voto útil das diversas versións da dereita para evitar un Executivo liderado por Pontón. Nesta liña, as mensaxes dos populares nos últimos días denotan un evidente nerviosismo e as dúbidas diante dun resultado incerto, na liña do sinalado polas enquisas coñecidas, que avanzaron unha continuada tendencia á baixa da formación.

As propias escollas dos emprazamentos para os seus últimos actos centrais de campaña, Vigo na quinta feira e A Coruña e Ourense na xornada de hoxe, indican os temores do partido ante unha brusca caída do voto nas circunscricións da Coruña, Pontevedra e Ourense. Nesta liña, Rueda afirmou desde o Pavillón dos Remedios de Ourense que “hai que elixir entre a Galiza que funciona ou un multipartito de esquerdas” e reclamou o voto a todos os que "non queren que Galiza caia en mans dun Goberno que ten como obxectivos a independencia, a imposición lingüística ou a desaparición das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado".

A euforia do BNG

O Bloque Nacionalista Galego finalizou eufórico a campaña electoral. O estado de ánimo dos nacionalistas vén esporeado por unhas enquisas que outorgaron á formación uns resultados electorais históricos e sitúan Ana Pontón en condicións de liderar o vindeiro Goberno galego. Porén, a dirección de campaña da formación nacionalista non pon o foco nas sondaxes, senón nas sensacións percibidas ao longo do proceso electoral, onde os recintos en que o BNG celebraba os actos ficaron pequenos e onde atopou o apoio de novos sectores que en anteriores procesos electorais non optaron pola súa alternativa ou se situaban na abstención.

Desde o BNG, están convencidos de que teñen na man a posibilidade de alcanzar a Presidencia e agardan que a tendencia á alza marcada polas enquisas se concrete nunha representación suficiente para conformar Goberno. Neste sentido, Ana Pontón chamou desde un acto desenvolvido en Compostela a optar por "un Goberno cun presidente que se apelida Rueda ou un Goberno cunha presidenta que se apelida Pontón; ou seguir cun Goberno do PP que nos deixa unha Galiza máis pequena ou dar paso a un Goberno do BNG capaz de pór en marcha unha Galiza en grande".

A resistencia do PSdeG

O Partido Socialista de Galicia concluíu a campaña disposto a resistir. Os socialistas agárranse á súa estrutura organizativa e ao apoio achegado polo presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez, e o seu equipo para aguantar nun proceso electoral que se lles puxo costa arriba pola bipolarización entre Pontón e Rueda e pola consideración do BNG como a opción útil dentro da esquerda. Neste punto, a dirección da formación non se resigna aos resultados avanzados polas últimas enquisas publicadas e esperan que unha parte importante do electorado indeciso se decante pola súa alternativa.

Os socialistas entenden que unha parte dos seus resultados van depender da circunscrición de Lugo e da Coruña, onde o candidato da formación estivo presente na xornada de hoxe. O aspirante a presidente, José Ramón Gómez Besteiro, demandou desde un acto celebrado en Compostela, onde estivo acompañado de Sánchez, apoiar un “cambio con seguridade e na dirección axeitada, que poña fin á Galiza de dúas marchas” lembrando que “temos un magnífico equipo de xente preparada, solvente e con experiencia”.

As outras opcións

As posibilidades das outras formacións de lograr representación varían. Mentres as sondaxes publicadas nos último días abren a porta da Cámara galega a Democracia Ourensá, as outras candidaturas que concorren aos comicios estarían lonxe dese obxectivo. Neste contexto, tanto Sumar como Vox non lograrían superar o mínimo legal de 5% para lograr representación no Parlamento da Galiza.


Un feche de campaña e tres sensacións diferentes

Os actos de feche de campaña de PP, BNG e PSdeG foron unha boa mostra das distintas sensacións que transmiten as principais formacións políticas do país de cara aos comicios do 18 de febreiro.

O Partido Popular está á defensiva e así o manifestaba o ambiente do seu acto da Ourense e mais as mensaxes do seu candidato á Presidencia da Xunta da Galiza. Diante dun auditorio conformado na práctica totalidade por militantes, Rueda rexeitou “a Galiza do separatismo, na que só cabe un xeito de pensar, un xeito de sentir e un xeito de falar”.

O BNG xoga a gañar e vai con todo. Nun abarrotado Multiusos Fontes do Sar, Ana Pontón, sinalou que “non importa o que votasen noutras eleccións, hai moitas maneiras de sentirse galego ou galega e todas son necesarias para abrir un tempo novo".

O PSdeG xoga a empatar e busca manter o electorado tradicional socialista. Desde o Pavillón das Fontiñas, defendeu “apostar por máis emprego, pola sanidade pública e decididamente pola igualdade de xénero”.

Comentarios