18-F | Vídeo

CRÓNICA | Miles de persoas arroupan Ana Pontón no feche de campaña do BNG: "Este domingo imos derrotar a mentira"

Miles de persoas responderon á chamada da formación nacionalista para ateigar o recinto e arroupar a súa candidata, Ana Pontón, que foi recibida cunha sonora ovación e berros de "presidenta, presidenta".
Ana Pontón, no mitin de feche de campaña nun Fontes do Sar ateigado. (Foto: A. M.)
photo_camera Ana Pontón, no mitin de feche de campaña nun Fontes do Sar ateigado. (Foto: A. M.)

O BNG elixiu o Multiusos Fontes do Sar de Santiago para pór o ramo a unha campaña electoral tras a que, segundo as últimas sondaxes, é a principal forza que pode arrebatar a Presidencia da Xunta da Galiza ao PP de Alfonso Rueda. Miles de persoas —máis de 3.000, apuntaron desde a organización— responderon á chamada da formación nacionalista para ateigar o recinto e arroupar a súa candidata, Ana Pontón, que canda o resto de cabezas de lista polas diferentes circunscricións foi recibida cunha sonora ovación e berros de "presidenta, presidenta". Sorrisos, entusiasmo, abrazos, o Multiusos Fontes do Sar desborda de persoas de todas as idades que acoden ao feche de campaña do BNG. Reencontros tamén, históricos nacionalistas, votantes que se estrean este 18 de febreiro nas urnas...

Claudia Quintela, DJ Misa, xunto a De Ninghures, porán a música ao multitudinario feche de campaña do BNG en Compostela. Música actual e en galego para celebrar “un tempo novo que está por chegar”, di en declaracións a Nós Diario minutos antes de subir ao escenario para pinchar e facer bailar o auditorio. “Ver isto cheo e que aínda está chegando xente... sinto esperanza, sinto que este domingo vai haber cambio galego, un cambio que nos permitirá construír un país mellor”, di emocionada ao ver o ateigado auditorio.

"Hoxe é venres, e hai moita xente que leva 300 xa loitando polos seus dereitos e os de todas nós, unha CRTVG libre de manipulación”, dixo o candidato número 2 por Lugo, Daniel Castro, pedindo un aplauso ao ateigado audotorio para Defende a Galega. “Con manipulación ou non (da CRTVG), a presidenta vai ser Ana Pontón”, proseguiu, ao tempo que, empezado o acto, aínda seguía chegando xente ao Multiusos. “Faremos historia e tamén fixemos”, dixo en referencia a Goretti Sanmartín, que o pasado 2023 logrou por primeira vez a Alcaldía da capital da Galiza para o BNG.

Non faltaron referentes do nacionalismo galego como o histórico dirixente do BNG e de Anova, Xosé Manuel Beiras, ou tamén Camilo Nogueira, que sentan na primeira fila para arroupar Pontón. Acompáñaos Ana Miranda, eurodeputada do BNG; Néstor Rego, deputado no Congreso español; Carme da Silva, senadora; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, ou Miguel Anxo Fernán Vello, que foi deputado por En Marea no Congreso.

Goretti Sanmartín tomou a palabra como alcaldesa de Compostela. “Grazas á forza dos milleiros de persoas cos que tecemos este proxecto colectivo imos rematar coas políticas nocivas coas que o PP leva 15 anos acabando coa educación e a sanidade públicas, cos coidados... fronte a esas políticas dehumanizadas e insensíbeis, nós pomos no centro as persoas, como estamos a facer no Concello de Compostela, facendo políticas transformadoras, e conseguímolo porque Ana Pontón nos colleu das mans e dixo: 'Adiante, vou convosco, é posíbel'. A chegada á capital da Galiza foi o primeiro paso, se hoxe á fronte do concello de Compostela hai unha muller feminista e nacionalista o 18-F haberá unha muller feminista e nacionalista presidenta”.

Panorámica do Multiusos Fontes do Sar. (Foto: Nós Diario)
Panorámica do Multiusos Fontes do Sar. (Foto: Nós Diario)

“Queremos camiñar desde O Courel a Compostela por terras liberadas”, arengou Sanmartín o auditorio, pedindo que ninguén quede na casa o domingo. “A xente xa non acredita nas súas mentiras”, dixo en referencia ao PP. “Agora, é o momento, queremos que Ana Pontón sexa a presidenta deste país”, concluíu. Ao dar paso Sanmartín a Ana Pontón o auditorio ergueuse ao berro de “presidenta, presidenta”. Emoción nos rostros, un entusiasmo que fai resoar os aplausos en todo o espazo.

E chegou a quenda máis agardada, a da candidata á Presidencia. "Pídolles a todas as persoas que queren cambio que o próximo domingo collan a papeleta do BNG, non importa o que votasen noutras ocasións, hai moitas maneiras de sentirse galego e de sentirse galega e todas son necesarias para construír a mellor Galiza", proclamou. Pontón quixo escenificar a unión do nacionalismo galego agradecendo a presenza de tres referentes da política galega recente no mitin: Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira, Anxo Quintana e Carmen Santos —ex secretaria xeral de Podemos na Galiza—.

A líder nacionalista mostrouse optimista e afirmou que o vindeiro domingo a cidadanía "vai derrotar a mentira" que, dixo, encarna o PP. "Vai ser unha vitoria heroica, imos gañar a pesar das súas mentiras e manipulación e do uso descarado dos fondos públicos, caciquismo 2.0. Acabouse usar as institucións ao servizo do partido, e imos gañar porque o PP vampirizou a CRTVG até convertela en Tele-PP, é unha vergoña a manipulación dos medios públicos”. "Imos traballar", dixo Pontón, “para que o de hoxe sexa o último Venres Negro”.

"O PP quixo facer desta campaña o premio de consolación de Feixoo logo de perder as eleccións estatais, e Galiza non é o premio de consolación de ninguén. Levamos 15 anos perdendo -poboación, emprego e industria, mocidade e talento que emigra, peso político...-, o 18-F podemos deixar de perder e empezar a gañar, coa papeleta do BNG, un país digno para todos e para todas", argumentou Pontón.

Os aplausos fixéronse máis intensos cando Pontón criticou os recortes en sanidade e defendeu os servizos públicos e mais cando cargou contra “o espolio do país” polas empresas enerxéticas que sacan beneficio da Galiza sen deixar riqueza nela. Unha das primeiras medidas, dixo, vai ser “sacar a cadeira que as eléctricas teñen no Consello da Xunta”.

Agradeceu Pontón aos representantes da comunidade palestina que acudiran ao acto e expresou a súa solidariedade con Palestina e clamou contra o xenocidio, momento en que o auditorio se volveu pór en pé para mostrar o seu apoio e afecto ao pobo palestino.

“Se votamos BNG facemos historia coa primeira muller presidenta. Hai momentos en que a historia pode tocarse coas mans, e moitas mans xuntas poden moldear a historia transformándoa, e nós estamos acariñando un deses momentos”, afirmou Ana Pontón.

Xente de pé, na parte superior do gradarío, ao completárense as cadeiras, escoita Ana Pontón reclamando “un país de mulleres libres e iguais, que avance desde o feminismo, por todas as que virán detrás e van impedir que deamos un só paso atrás”. Xente de pé, nas portas de entrada da sala, o Multiusos Fontes do Sar quedou pequeno para os miles de asistentes que ouven como Pontón está decidida a abrir un tempo novo.

“O voto é un súper poder que nos permite transformar aquilo que non nos gusta, é o momento de apostalo todo no BNG e de concentrar o voto do cambio no BNG”, dixo. “A gañar, imos gañar estas eleccións, o cambio é imparábel”, concluíu Pontón con entusiasmo ao tempo que o auditorio se erguía e aplaudía ao ritmo de Fabricando luz, a canción das mulleres da Banda da Loba que acompaña estas semanas unha Ana Pontón que busca, tamén, “fabricar luz” para Galiza.

Concerto

De Ninghures poñen música a un feche de campañas histórico para o BNG. Os sorrisos, os abrazos, os brindes acompañados da expresión "o domingo teremos presidenta" protagonizan unha noite de ilusión para os máis de 3.000 asistentes.

Comentarios