Besteiro fecha con optimismo a campaña despois de percorrer 16.000 quilómetros

O candidato do PSdeG fai balance de 15 días cunha “campaña positiva, pensando no futuro e no cambio ilusionante e seguro” na Galiza.

Besteiro
photo_camera Gómez Besteiro (Foto: Nós Diario)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, fecha con optimismo a campaña electoral das eleccións, comicios nos que asegurou ter "todas" as expectativas após percorrer 16.000 quilómetros nestes 15 días.

O político lucense, que fixo 800 quilómetros de media ao día para dar a coñecer o seu proxecto por todo o territorio, puxo en valor esta sexta feira, último día da campaña, as propostas en "positivo" defendidas polo PSdeG de cara ao 1-8F. Todo iso, indicou, "pensando no marabilloso futuro que pode ter Galiza" e no cambio que espera que se produza este domingo.

Estes 15 días, segundo indicou en declaracións aos medios en Compostela, fixérono reafirmarse na necesidade de que "compactar a Gali<a" e de que a Galiza interior se complemente coa costeira.

Para iso, incidiu na necesidade de lograr unha reindustrialización, con máis emprego, máis dereitos e máis ambición de país. "E esa é a aposta e a confianza que os socialistas lle damos aos cidadáns para que este próximo 18 de febreiro apúntense a ese cambio, un cambio ilusionante e seguro, porque gobernar ten que ser baixo o prisma da seguridade, da estabilidade, de xestionar ben as oportunidades que van estar diante de nós os próximos anos", afirmou.

Besteiro sostivo que por diante hai "anos cruciais", nos que a aposta de Goberno "ten que ser máis segura que nunca", con "persoas capaces de xestionar e aproveitar esas oportunidades". "Que, por certo, moitas delas están na Galiza" pero tamén fóra, en Madrid, en España e en Europa", dixo para deixar claro que "non se deben de perder".

Neste sentido, asegurou que o PSdeG é o que está presente neste cambio para pasar páxina a 15 anos de goberno do PP, caracterizados pola "apatía e a inacción".

Neste punto, ademais, aproveitou para lembrar que nesta xornada cúmprense "300 venres negros" de protesta na CRTVG e considerou necesario normalizar a partir do 18-F o cumprimento da Lei de medios públicos da Galiza.

Besteiro aproveitou a mañá desta sexta feira para participar nunha repartición de publicidade electoral pola Praza de Abastos.

Comentarios