18-F

Rueda saca peito dunha "moi boa" campaña que fecha con 60 actos e un só debate 'a medida' na CRTVG

"Creo que para iso son as campañas, para iso son as eleccións, sen necesidade de descualificar a ninguén, sen necesidade de insultos persoais ou referencias continuas a persoas como eu recibín nesta campaña", resalta o candidato do PP.
Encontro de Alfonso Rueda con apoderados do PP, hoxe, en Pontevedra. (Foto: Europa Press)
photo_camera Encontro de Alfonso Rueda con apoderados do PP, hoxe, en Pontevedra. (Foto: Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, reivindicou esta sexta feira que a súa formación fixo unha "moi boa campaña". "Cumprimos exactamente o que queriamos facer e agora teñen que ser os galegos e as galegas os que decidan o 18-F", proclamou o líder popular, quen fecha a campaña despois de protagonizar uns 60 actos e con 10.000 quilómetros percorridos... mais sen participar no debate ao que fora convidado en RTVE nin no 'cara a cara' que demandou a líder da oposición, a nacionalista Ana Pontón. Rueda só participou no debate organizado na CRTVG "a medida", segundo reprocharon desde a oposición.

Rueda mantivo hoxe un encontro con interventores e membros do equipo de campaña dos populares en Pontevedra porque, explicou, quería empezar este último día de campaña na súa cidade, ao tratarse dunha xornada na que "sempre fan falta forzas". A interventores e apoderados do PP agradeceulles o traballo realizado durante toda a campaña e o esforzo que farán este domingo para "cubrir practicamente todas as mesas en todos os colexios electorais da Galiza".

Alfonso Rueda cre que o Partido Popular chega a esa xornada electoral "cun traballo moi ben feito" no que, durante estes 15 días, "percorreu todo ou practicamente todo o territorio". Desta campaña, o candidato do PP valorou con "moita satisfacción" os encontros coa cidadanía en xantares, mitins, paseos ou visitas nas que puido explicar o seu programa. "Creo que para iso son as campañas, para iso son as eleccións, sen necesidade de descualificar a ninguén, sen necesidade de insultos persoais ou referencias continuas a persoas como eu recibín nesta campaña", resaltou.

"Magnífico resultado"

"Quedo moi satisfeito coas sensacións", destacou Rueda, quen recalcou o seu "convencemento" de que os populares terán "un magnífico resultado o día 18" e que a cidadanía apoiará "esa Galiza que funciona" fronte á "posibilidade dun multipartito de esquerdas con moitísimas incógnitas" e con "formulacións que se tentaron ocultar na campaña electoral" como son, dixo, "desde o radicalismo da opción nacionalista até o entreguismo, a resignación do Partido Socialista".

Neste sentido, reiterou o seu chamamento "a todos eses socialistas que non queren que Galiza poida caer en mans dun goberno con vínculos co independentismo doutras comunidades autónomas e con postulados como os que coñecemos, independencia, imposición lingüística, desaparición das forzas do corpo de seguridade... todo iso pode instalarse aquí", afirmou.

Preguntado polos xornalistas sobre as enquisas electorais, Alfonso Rueda dixo que se se "quixese agarrar a algunhas delas, estaría absolutamente optimista e absolutamente tranquilo", pero prefire quedar coas "sensacións" da campaña da que "hai cousas que sabes ler ou sabes intuír" e aínda que "nunca tes o 100% de convencemento" atópase "optimista, tranquilo dentro do que se pode estar".

"Aínda temos unhas horas para tentar chegar a todas esas persoas indecisas que agora mesmo están a pensar que facer", esgrimiu o xefe de filas dos populares, quen, ademais de Pontevedra, pasou por Lugo antes do mitin central de fin de campaña, onde estará acompañado polo líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, na Coruña. Ás 22.30 horas, en Ourense, Rueda participa nun mitin-festa de fin de campaña na cancha central do Pavillón dos Remedios.

Esta campaña, que os populares situaron como "transcendental" en clave estatal, contou cunha forte implicación de Feixoo, quen estivo na Galiza en 13 dos 15 días da mesma. Tamén o ex presidente Mariano Raxoi participou con intensidade e axenda propia no marco dunha campaña cncebida en clave de percorrer a maior porcentaxe do territorio.

Comentarios