18-F

Lois diferencia Sumar das outras "forzas progresistas" e vaticina que se logran escanos, "Rueda cae"

"Se Sumar consegue eses dous escanos, e quédalle pouco, Rueda cae", insiste a candidata de Sumar.
Acto de feche de campaña de Sumar. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Acto de feche de campaña de Sumar. (Foto: Agostime / Europa Press)

A candidata de Sumar á Presidencia da Xunta, Marta Lois, apelou esta sexta feira a aqueles "que teñen dúbidas" sobre que papeleta depositar nas urnas o vindeiro domingo para pedirlles que confíen en Sumar porque os "dous escanos" que aspira a lograr polas circunscricións da Coruña e Pontevedra serán os que fagan "caer" o presidente da Xunta e aspirante do PP, Alfonso Rueda.

Sumar fechou a campaña nun mitin decorrido no hotel Palacio do Carmen de Santiago de Compostela, onde Lois estivo arroupada pola vicepresidenta segunda do Goberno español e líder de Sumar, Yolanda Díaz, xunto ao ministro de Cultura, Ernest Urtasun, e a ex alcaldesa de Barcelona, Ada Colau. Ante unha sala na que se reuniron unhas 200 persoas no sprint final da carreira ás urnas nas que Galiza decidirá o seu Parlamento para os próximos catro anos, a candidata e os seus acompañantes entraron no salón mentres mentres soaba por megafonía Tataravoa, de Fillas de Cassandra.

A encargada de abrir o mitin de feche de campaña, no que se envorcou a líder de Sumar, Yolanda Díaz; foi a propia Lois, que remarcou, na liña da mensaxe reiterada ao longo dos últimos días, que compiten co PP polos restos dos últimos escanos en repartición polas circunscricións de Pontevedra e A Coruña. "Se Sumar consegue eses dous escanos, e quédalle pouco, Rueda cae", sentenciou Lois, que puxo o foco naqueles que confiaron en Sumar nas eleccións estatais do pasado mes de xullo, nas que lograron dous asentos no Congreso, precisamente, polas circunscricións nas que aspira a chegar ao Pazo do Hórreo.

A eles e tamén aos que "non votaron" a Sumar, a ex edil en Santiago subliñou que o "voto para sumar foi útil" e que "o exemplo disto" é Yolanda Díaz. "Que miren as políticas que facemos no Estado", aseverou Lois, que incidiu en que estas eleccións "non van" de "cambiar unhas siglas por outras" na Xunta, senón de que "ese cambio histórico" tradúzase "en políticas" como as que pon en marcha o Goberno de coalición no Estado.

"Non todas as forzas progistas somos iguais", sentenciou Lois, que, tras incidir en que son a "garantía" de que se poñan en marcha medidas "valentes" como limitar o prezo dos alugueiros ou subir os impostos "aos que máis teñen", incidiu en que as enquisas reflicten que Sumar é "o voto decisivo" para lograr nas urnas o "sentimento de cambio e de ilusión" que di percibir na sociedade galega.

Pola súa parte, a vicepresidenta segunda do Goberno español e líder de Sumar, Yolanda Díaz, ironizou no acto co encontro mantido pola candidata do BNG, Ana Pontón, e o presidente da Confederación de Empresarios da Galiza, Juan Manuel Vieites, quen cualificou de "amigábeis" as propostas dos nacionalistas. "A min a patronal nunca me dixo que as miñas propostas eran amigábeis", espetou.

"As forzas galegas que votaron en contra da reforma laboral non estaban a pensar na xente do país", sentenciou, para, a continuación, incidir en que é "necesario" que Sumar logre estar no Parlamento galego e entre no goberno da Xunta para, desde alí, "defender os dereitos da xente".

Comentarios