Pontón avanza un "resultado histórico" o 28-M para o BNG, "alternativa" fronte ao PP na Xunta

A líder dos nacionalistas ve o Bloque no "mellor momento" da súa historia e augura un "gran salto adiante" nas municipais.
Ana Pontón en Compostela xunto a persoas candidatas do BNG ás esleccións do 28-M e cargos institucionais do partido. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón en Compostela xunto a persoas candidatas do BNG ás esleccións do 28-M e cargos institucionais do partido. (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, prognosticou un "resultado histórico" para a súa formación nas eleccións municipais do próximo 28 de maio e erixiu a súa formación na alternativa para derrotar o Partido Popular na Xunta.

"Cada día que pasa vexo máis galegas e galegos que ven en nós a alternativa de futuro, a alternativa para derrotar ao PP na Xunta e construír unha Galicia forte. E ímolo facer concello a concello, pobo a pobo, cidade a cidade", exclamou.

Nunha intervención ante os cargos institucionais que o Bloque ten no Parlamento, no Congreso, en Bruxelas e coa presenza tamén das persoas candidatas e alcaldes das principais cidades nas que goberna a formación, Pontón subliñou que o BNG representa "o entusiasmo, a vitalidade e o optimismo que tanto necesita a Galiza e a sociedade galega".

O Bloque, un referente

Ana Pontón asegurou que cada vez máis galegos e galegas queren que o seu concello sexa "un concello gobernado polo BNG". "Por iso sei que imos ter un resultado histórico, porque temos aos mellores candidatos e candidatas", exclamou.

No seu discurso, aproveitou para agradecer e recoñecer ás "4.500 persoas" que conforman as 265 candidaturas coas que o Bloque concorrerá ás municipais do 28 de maio. "Unha cifra que supera amplamente á de hai catro anos e que permitirá que 98% dos galegos poidan ter unha papeleta do BNG", dixo.

Tras incidir en que a súa formación pensa "o país en grande e os concellos en grande", cun "modelo que funciona e que se converteu en referente tanto dentro como fóra da Galiza", citou a confianza no país, o proxecto de vangarda, a eficacia na xestión e a democracia como os piares do Bloque nos concellos.

"Son as bases dun modelo municipal de éxito, dun modelo transformador, propio e xenuíno que queremos estender por toda Galiza", afirmou.

Optimismo fronte a "discriminación"

Pontón dixo que os concellos do BNG foron capaces de "superar todas as barreiras e obstáculos" sobre todo a barreira do "pesimismo e a resignación" das forzas estatais que "non confían na Galiza e miran sempre para Madrid".

"As mesmas forzas estatais cuxos xefes de filas nos visitan de xira electoral, veñen aquí a facer mitins, porque é basicamente do que se acordan da Galiza", censurou Ana Pontón, que os acusou de querer converter a comunidade galega nunha "colonia enerxética de Madrid a través do espolio eólico do monte e do mar".

"Os mesmos que nos discriminan coa chegada do AVE e boicoteando unha AP-9 e libre de peaxes", afirmou para acusar a PP e PSOE de "alternarse na discriminación a Galiza" mentres "predican ese discurso de que Galicia non pode porque eles simplemente non confían no noso país".

"Gran momento"

"Estamos nun gran momento para o BNG, eu diría que no mellor da súa historia e fronte a un Partido Popular que representa o pasado, o BNG representamos o futuro, fronte ao PP que representa un proxecto esgotado e sen ideas, o BNG está aquí para construír unha nova Galiza que xa estamos a ver que emerxe nos concellos nos que temos a responsabilidade de gobernar", afirmou.

Tras iso, mostrouse "absolutamente convencida" de que estes comicios suporán un "gran salto adiante para o BNG", nas que multiplicará a súa representación. "Imos ter máis concelleiros e concelleiras, imos ter máis alcaldes e alcaldesas, porque a vida municipal tamén necesita de máis mulleres e de máis liderados", sinalou.

"Por todo isto, imos este 28 de maio, con humildade, cun sorriso nos beizos e coa man tendida para seguir avanzando na Galicia que queremos e podemos ser", sinalou.

Comentarios