Pontón reivindica os gobernos do BNG e advirte: "O país non ten futuro sen un rural vivo"

A líder nacionalista gaba as candidaturas municipais nos concellos da Montaña e augura para a súa formación resultados "históricos" o 28 de maio.

Ana Pontón, no acto deste domingo de presentación das candidaturas do BNG na Montaña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, no acto deste domingo de presentación das candidaturas do BNG na Montaña. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asisitiu este domingo ao acto de presentación das candidaturas nacionalistas nos municipios pertencentes á comarca da Montaña de cara ás eleccións do vindeiro 28 de maio —Xesús Carril (Arzúa), Xosé Luís 'Mini' Rivas (Boimorto), Lucas Quintas (Curtis), Xesús Pereira (Melide), José Ángel Penas (Toques), Manoel Adán (Santiso) e Álvaro García (Vilasantar)—. "No BNG sabemos perfectamente que non hai Galiza posíbel sen o rural", salientou Pontón, convencida de que "un rural activo, produtivo e con servizos é un rural vivo e habitábel".

Como persoa criada no rural (en Chorente, Sarria), a líder nacionalista destacou a súa importancia "non só porque o rural conforma o 90% da superficie da Galiza, senón polo valor da xente que vive nel". O país, reiterou, "non ten futuro sen un rural vivo, dinámico, próspero e habitado".

No Bloque, subliñou Ana Pontón, hai un total "convencemento" á hora de apostar "polas calidades e cualidades dun modo de vida máis sostíbel, máis lento, máis apegado aos ritmos propios da terra, pero que tamén é  motor de impulso e desenvolvemento". Falando do caso concreto da comarca da Montaña, a nacionalista reivindicouna como "un lugar onde vivir e medrar, un lugar onde criar ás nosas fillas e fillos, un horizonte de benestar para a xente de aquí a partir do 28-M".

Iso será posíbel, insistiu, "porque os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, solventes, que saben xestionar con eficacia cada euro, con capacidade de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas". A portavoz nacional do Bloque confía nun "resultado histórico" nas urnas o vindeiro mes: "Será a forza que máis suba, con máis concelleiros e concelleiras, máis alcaldías", augurou.

Vivenda

Na súa intervención, Pontón aludiu tamén a un Goberno do PP na Xunta que é "insensíbel aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante". Exemplificouno co recente anuncio do presidente, Alfonso Rueda, "dicindo, sen poñerse colorado, que durante 14 anos de goberno deixaron de lado a construción de vivenda protexida porque non sabía que o acceso á vivenda era un problema para a cidadanía".

Por contra, dixo, o BNG "é perfecto coñecedor das dificultades da xente para acceder unha vivenda", e neste senso lembrou "a xente moza que ten traballos precarios e salarios baixos e non pode pagar un aluguer, e as familias que ven como os alugueres subiron 30% de media nas grandes cidades nos últimos anos".

Sanidade pública

A líder nacionalista fixo referencia, por outra parte, a unha sanidade pública "que está contra as cordas tras 14 anos de recortes". Fronte a un PP "convertido nun Terminator" da sanidade, o BNG propón "un novo modelo de atención primaria con máis financiamento, persoal suficiente e novos servizos sanitarios nos centros de saúde".

Comentarios