18-F

Pontón propón que as empresas que reciban diñeiro público teñan que devolvelo se se deslocalizan antes de 8 anos

Censura que o PP non foi capaz de "salvar nin unha soa empresa en crise" na Galiza

Ana Pontón, esta quinta feira, en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, esta quinta feira, en Vigo. (Foto: Nós Diario)

A candidata do BNG á presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, trasladou esta quinta feira algunhas das medidas que expón para dinamizar a industria galega, fortalecer sectores chave como o naval ou a automoción e frear a deslocalización de empresas, e propuxo que as empresas que recibiran fondos públicos nos oito anos previos, teñan que devolvelos se se van a outro territorio.

Así o explicou nun encontro con delegados e delegadas sindicais de industria en Vigo, no que criticou que o resultado de 15 anos de falta de política industrial por parte do PP foi a precarización do emprego, a perda de postos de traballo e a emigración de miles de mozos e mozas, ademais da perda de peso da actividade industrial.

Pontón reiterou a súa proposta de pór en marcha un plan de desenvolvemento industrial e tecnolóxico que permita crear 12.000 novos empregos até 2030, elevando o peso desta actividade até o 23 % do PIB galego. Tamén repetiu a súa aposta por captar fondos, fortalecer o tecido de Pemes, e adoptar medidas que permitan pór ao dispor chan industrial "en boas condicións" e axilizar os trámites para que a Galiza sexa unha comunidade "atractiva" na que implantarse e investir.

Con respecto á deslocalización de produción, a candidata advertiu de que o Goberno galego "non pode financiar a perda de traballo", en alusión a empresas que se levaron a produción fóra da Galiza, "deixando tirados" aos traballadores e ás traballadoras, e despois de recibir axudas públicas.

Por iso, propuxo que aquelas empresas que recibiran fondos públicos nos oito anos previos, teñan que devolvelos se se deslocalizan. "Non pode ser que haxa grandes empresas que veñen aquí e reciben fondos públicos, que os usen única e exclusivamente para o seu beneficio particular", aseverou.

A aspirante do BNG á Presidencia da Xunta afeou ao PP os seus continuos anuncios sobre implantación de empresas que non se fixeron realidade, e subliñou que os gobernos 'populares' foron "expertos en colgarse medallas que non lles correspondían".

Por contra, engadiu, "botan balóns fóra" cando hai problemas no sector industrial, e "non foron capaces de salvar nin unha soa" das empresas en crise na Galiza.

Naval e automoción

No seu acto en Vigo, Ana Pontón fixo especial énfase nos sectores do naval e a automoción, e denunciou que, na última década ningunha "empresa potente" do ámbito industrial se implantou na comarca viguesa. Así, en canto ao naval, a candidata apostou pola creación dun Centro de Reparación Naval, despois de que a Xunta do PP deixara "caer" gran parte desta industria, que se atopa nunha "situación límite". 

Para a automoción, Pontón lembrou a importancia de que o sector afronte o reto da electrificación e o cambio do modelo de produción, e incidiu na necesidade de crear unha Mesa de Automoción, na que o sector estea representado, e que sirva para afianzar esta "peza chave da economía da Galiza". Pontón tamén reiterou a súa proposta de promover "un gran pacto pola ciencia e a innovación", para que estes ámbitos alcancen un 3 % do PIB en 2030, fronte ao "modelo de precariedade" do PP.

Finalmente, a candidata volveu a facer un chamamento á participación o 18-F, da que depende "o cambio" e pediu a quen quere "unha Galiza mellor" que colla a papeleta do BNG, independentemente do que votasen con anterioridade ou da forma en que sintan a súa maneira ser galegos. "Todas esas persoas son necesarias para o cambio", sentenciou.

Comentarios