Pontón propón unha "alianza estratéxica" Galiza-Portugal para impulsar as infraestruturas de ambos países

O BNG dermandou que do próximo cumio hispano-luso saia unha declaración institucional de apoio a ese obxectivo “cun compromiso de proxectos e orzamentos”.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu esta segunda feira na necesidade de “trazar unha verdadeira alianza estratéxica entre Galiza e Portugal que debe arrancar coa creación dunha delegación permanente do noso País en Lisboa”.

Pontón desprazouse até Tui xunto con outros cargos da formación nacionalista para expor as liñas mestras da súa proposta de alianza. A portavoz explicou que o BNG considera estratéxico potenciar unha “alianza atlántica” entre ambos países, xa que, máis alá dos “vínculos históricos”, “únenos o futuro en asuntos como as infraestruturas, a cohesión territorial, a economía, comercio, turismo ou a investigación”.

Un dos elementos clave desa alianza  pasa, segundo a dirixente nacionalista, polas infraestruturas, con especial atención na alta velocidade ferroviaria. Neste sentido, o Bloque cualificou como “fito histórico” o anuncio do Goberno luso de dar prioridade á conexión Vigo-Porto pese ás “reticencias” do Executivo estatal e á “posición de brazos caídos” da Xunta.

“Chegar de Vigo a Porto nunha hora, temos que ser capaces de avanzar nesa dirección tamén desde a  Galiza. Portugal teno claro, pero non así os sucesivos Gobernos centrais dun signo e doutro, que non fixeron os deberes porque teñen unha concepción radial das comunicacións que prima a conexión por Madrid antes que por Vigo, o que perpetúa a discriminación da Galiza nas conexións ferroviarias deseñadas desde o Estado, tanto co PP como co PSOE”, argumentou Pontón.

20 anos “perdidos”

Para o BNG, após 20 anos “perdidos”, é necesario reclamar a “coordinación con Portugal para que esa conexión ferroviaria este en funcionamento en 2030”.

Pontón criticou Goberno galego, “que nunca fixo nada nin para impulsar a saída Sur de Vigo nin as conexións con Portugal e agora pretende tapar a súa complicidade na discriminación da Galiza cunha nova confrontación co Executivo central”. A formación nacionalista propón que do próximo cumio hispano-luso saia unha declaración institucional de apoio a ese obxectivo “cun compromiso de proxectos e orzamentos”.

A curto prazo, o BNG demanda a electrificación da liña na saída sur de Vigo con máquinas de bitensión “como as que ten Renfe e circulan entre Valença e Porto”.

Tamén exixe ampliar e adaptar os horarios da liña actual, duplicando a oferta para chegar ás mesmas frecuencias da liña Vigo-A Coruña, e  ampliar a 2023 a oferta de 5,25 € nos billetes Vigo e Porto, “que teñen logrado un aumento de 40% no número de pasaxeiros cunha mobilidade máis sustentábel”.

Comentarios