Portugal anunciará "proxectos ferroviarios de alta velocidade" coa Galiza antes de fin de ano

Infraestruturas de Portugal (IP) fixo público un documento que cifra en 1.250 millóns de euros o custo da fase I do enlace ferroviario de alta velocidade entre Porto e Vigo, o que supón un incremento de 350 millóns de euros sobre os 900 millóns estimados inicialmente.
Liña ferroviaria en Portugal. (Foto: Europa Press)
photo_camera Liña ferroviaria en Portugal. (Foto: Europa Press)

O Ministro de Infraestruturas e Vivenda de Portugal, Pedro Nuno Santos, adiantou a pasada sexta feira que o Executivo anunciará "novos proxectos ferroviarios de alta velocidade" coa Galiza antes de que remate 2022.

Nuno Santos, que participaba en Viana do Castelo na inauguración dos primeiros vagóns Arco, mercados a Renfe, cos que Portugal reforza a Liña Minho, subliñou que o vindeiro cumio Hispano-Ibérico, que decorrerá precisamente en Minho, "será o momento ideal" para anunciar e avanzar neses proxectos.

O ministro portugués asegurou que "estamos traballando ben coa parte española, tanto co Goberno español como co galego, e polo tanto as cousas van ben".

"A vontade de conectar a Galiza co resto de Portugal é fundamental para todos os lados, É de interese para os dous", engadiu.

Vontade en Madrid e Lisboa

O ministro de Infraestruturas insistiu en que tanto Madrid como Lisboa manteñen a vontade de favorecer a conexión entre o país luso e a Galiza, e que se está a traballar para avanzar nela.

Neste sentido, Nuno Santos recoñeceu que "hai traballo por facer" entre os Executivos portugués e español, a comezar por resolver as diferenzas de tensión eléctrica entre ambos países. Isto obriga a que a actual conexión entre Porto e Vigo sexa realizada por un tren diésel, a pesar de que a liña ferroviaria dos dous países estea electrificada.

"Non podemos resolver todos os problemas nun día, nunha semana ou nun ano, e máis nunha área que estivo baixo o esquecemento durante décadas", asumiu o dirixente luso, para despois matizar que existe unha "certeza clara" de que o Goberno portugués sacará adiante esta conexión.

As declaracións de Nuno Santos chegan despois de que Infraestruturas de Portugal (IP) fixese público un documento que cifra en 1.250 millóns de euros o custo da fase I do enlace ferroviario de alta velocidade entre Porto e Vigo, o que supón un incremento de 350 millóns de euros sobre os 900 millóns estimados inicialmente.

Comentarios