Pontón presenta Francisco Vilariño como o candidato con “ideas claras” para “dar futuro” a Lalín

"Este Concello precisa un proxecto de Goberno capaz de aproveitar todo o enorme potencial, capaz de sacar o máximo partido ao seu tecido económico e produtivo", recalcou a portavoz nacional.

bng lalín pontón vilariño
photo_camera Ana Pontón, Francisco Vilariño e Manuel Carbón.

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou este sábado no acto de presentación de Francisco Vilariño como candidato á Alcaldía de Lalín, de quen destacou que coñece o Concello “como a palma da man” e a súa capacidade, experiencia e “ideas claras” para dar ao concello “un futuro mellor nun contexto de crise”.

"É para min un orgullo poder estar hoxe aquí, con todos e todas vós, na presentación de Paco Vilariño, unha persoa que sente un profundo orgullo por este Concllo, que coñece Lalín e as súa necesidades como poucos e que, ademais, forma parte dun proxecto ilusionante para dar a esta vila o impulso que precisa nun contexto de grandes retos e dificultades", destacou a líder do BNG.

Dificultades como a crise de prezos ou os recortes nos servizos públicos esenciais para a cidadanía, como a sanidade pública. "En Lalín sabedes moi ben destes recortes, porque aínda sigue pendente a vella demanda colectiva dunha ambulancia medicalizada, unha infraestrutura sanitaria básica, que pode marcar a diferencia e mesmo evitar situacións tráxicas, pero que o PP volveu vetar no Parlamento por enésima vez fai apenas dous meses", denunciou.

Por contra, dixo, o BNG leva anos apoiando esa reclamación social e veciñal ante un PP que lle sigue dicindo non á veciñanza de Lalín, "que sigue instalado na súa prepotencia e na súa soberbia, un Goberno do PP convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas, tras trece anos de recortes e privatizacións. Recortes que agora contan coa complicidade do Goberno local", lamentou.

"Lalín precisa un Goberno municipal liderado por unha forza política que non cale ante o Goberno da Xunta nin ante ninguén cando se trata de defender os intereses deste concello e dos seus veciños e veciñas", recalcou a portavoz nacional, "que non cale nin sexa cómplice ante os recortes en servizos e ante os recortes en sanidade pública".

Recortes que traen como consecuencia listas de espera en Atención Primaria ou que lle impón a Lalín un centro de saúde obsoleto, mentres leva máis de doce anos esperando por unha dotación sanitaria clave como o centro integral de saúde.

Tamén no ámbito das infraestruturas, Lalín precisa “un Goberno coherente que non cale ante unha peaxe da AP-53” que é unha estafa, "e non vale acordarse de que é unha estafa só cando o PP está fora da Moncloa, porque iso non é defender á veciñanza, é oportunismo político", alegou.

"Este Concello precisa un proxecto de Goberno capaz de aproveitar todo o enorme potencial, capaz de sacar o máximo partido ao seu tecido económico e produtivo", recalcou Pontón.

Igualmente, indicou, Lalín precisa un Goberno que aporte solucións en materia de solo empresarial, "porque xerar riqueza é emprego é fundamental para reter a xente nova, porque se a mocidade ten que marchar por falta de oportunidades, o concello perderá dinamismo económico e social. Non é un lugar común: a xente moza é o futuro".

"E para dar resposta a todos estes retos, a mellor alternativa é a que representa o BNG da man de Paco Vilariño ", argumentou. Por iso, a líder nacionalista amosouse convencida de que "foi maioría" a veciñanza que nestes catro anos "botou de menos ter no Goberno local ao BNG, como forza motor de cambio, de avance, de futuro, que botou de menos a un BNG que ofrece propostas e solucións en positivo, a favor do concello e da súa veciñanza".

Comentarios