Pontón exixe á Xunta a "retirada inmediata" da "disparatada ocorrencia" de que haxa PAC sen persoal médico

"Esta é a última barbaridade do Goberno do PP e non a podemos permitir", apunta a líder do BNG.
Ana Pontón en rolda de prensa. (Foto: BNG).
photo_camera Ana Pontón, nunha rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu este domingo o Goberno do PP a "retirar a disparatada ocorrencia de deixar os PAC —puntos de atención continuada— sen persoal médico", e avanzou que a formación nacionalista levará ao pleno da próxima semana do Parlamento galego nha moción "en contra desa pretensión" da bancada popular.

"Temos listas de espera na asistencia hospitalaria e en atención primaria para acudir aos centro de saúde, e agora temos a última barbaridade do Goberno do PP que son os PAC sen persoal médico para atender as urxencias, a última barbaridade do Partido Popular que non podemos permitir", afeou a líder da oposición.

Neste senso, exixiu a "retirada inmediata" dunha proposta que requirirá, aliás, que a Xunta "dote do persoal facultativo necesario" todos os centros de saúde do país.

Pontón fixo estas declaracións no acto de homenaxe deste domingo en Poio a quen foi o seu alcalde durante case tres décadas, Luciano Sobral, e puxo o foco en que precisamente a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés "converteuse na zona cero dos recortes en atención primaria". Mesmo no mesmo concello de Poio, subliñou, "xa houbo este verán consultorios sen médico ou médica".

"Pero é un problema que se reproduce ao longo de toda a Galiza de feito vimos a sucesión de mobilizacións dos últimos días as que a cidadanía expresa o seu fartazgo ante os recortes do PP e o deterioro que iso provoca na sanidade pública, reclamando que se deixe de xogar coa saúde dos galegos e das galegas, unha cidadanía farta tamén das mentiras do Partido Popular", matizou a líder do Bloque.

Neste senso, insistiu en reclamar ao Goberno de Alfonso Rueda "que deixe de lado a mentira e a propaganda e que se poña a traballar para mellorar o sistema público de saúde". Na proposta que o BNG defenderá esta semana no pleno recóllese a necesidade de que cada centro de saúde conte cun docente, un auxiliar de enfermaría "e os recursos profesionais que se precisan para que estes centros que atenden urxencias cumpran a súa función".

Aliás, a formación nacionalista exixe tamén á Consellaría de Sanidade "que poña en marcha unha estratexia concreta para toda a zona da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, zona cero dos recortes en atención primaria, para que dispoña dos recursos necesarios para solucionar os problemas actuais, que cada vez van a máis".

Comentarios