O BNG urxe Rueda a aprobar un "plan de choque" para "quen peor o están a pasar"

Ana Pontón fai fincapé na urxencia de que a Galiza dispoña dun modelo enerxético que poña "a riqueza eléctrica do país a favor do país".

Encontro de Ana Pontón coa dirección da Cámara de Comercio da Coruña. (Foto Nós Diario)
photo_camera Encontro de Ana Pontón coa dirección da Cámara de Comercio da Coruña. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou esta cuarta feira ao Executivo galego un "plan de choque" para axudar "a quen peor o está a pasar", en referencia ao contexto de crise económica por unha suba de prezos "sen precedentes nos últimos 40 anos".

Así o manifestou en declaracións aos xornalistas antes de participar nun encontro con empresarios na Cámara de Comercio da Coruña, aos que trasladou as súas propostas para paliar "os efectos da escalada inflacionista sobre o tecido empresarial e sobre o conxunto da maioría social".

Neste senso, e en alusión ao custo da enerxía, a portavoz nacional do BNG fixo fincapé na urxencia de que a Galiza dispoña dun modelo enerxético que poña "a riqueza eléctrica do país a favor do país".

Da crise económica que se aguzou nos últimos meses, dixo que está "a afectar máis a Galiza que o resto do Estado español".

"Os galegos están a empobrecerse máis con pensións e salarios á cola do Estado, requírense accións contundentes", engadiu.

Aliás, urxiu o Goberno de Alfonso Rueda a actuar con "rapidez" a través da aprobación dun "plan de choque".

Dentro do mesmo, demandou medidas estruturais e tamén aumentar as pensións non contributivas, así como a Renda de Inclusión Social (Risga) ou axudas "a gastos básicos como vivenda" ou outras dirixidas aos sectores produtivos.

Comentarios