A inflación cómelle ás persoas traballadoras un mes de salario

O salario medio bruto na Galiza situouse en 2021 en 1.615 euros ao mes. Segundo os datos ofrecidos por Adecco, a remuneración salarial colocouse 134 euros ao mes por baixo da media estatal.

Unha traballadora na liña de produción de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis).
photo_camera Unha traballadora na liña de produción de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis).

A contía das nóminas das galegas e galegos atópase lonxe da dos  asalariados madrileños, con 2.071 euros ao mes, ou dos vascos, con 2.047 euros aos mes, aparecendo por riba de canarios, estremeños e murcianos.

As persoas asalariadas galegas teñen unha retribución 7,3% inferior á dunha traballadora ou traballador do Estado e 19% menor á media dun operario da Unión Europea. Ao tempo, desde 2009 veuse producindo unha caída continuada dos salarios e do poder adquisitivo medido polo custo laboral unitario.

O poder adquisitivo

Os datos fornecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) indican que os salarios caeron na Galiza de maneira consecutiva entre 2009 e 2014 até sumar unha baixada de 11,3%, sendo a súa alza a partir de 2015 moi inferior á da media estatal. Así, desde 2015 até 2020 os salarios aumentaron na Galiza en 12,4%, mentres no conxunto do Estado o incremento foi de 14,4%, feito que agudiza aínda máis a fenda salarial. Neste sentido, os salarios rexistraron en 2021 unha alza de 0,6%

A Confederación Intersindical Galega cifra en 11% a caída do poder adquisitivo dos traballadores galegos desde 2008 a 2020. O fenómeno agudízase a partir de 2012, coa entrada en vigor da reforma laboral de Mariano Raxoi, que estabelece a cláusula de descolgue nos convenios e debilita a capacidade de presión da clase traballadora. Precisamente, este aspecto continúa na nova lexislación laboral aprobada polo Executivo de Pedro Sánchez.

A suba da inflación é un duro golpe ao poder de compra dos traballadores. Sendo o incremento do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) interanual na Galiza de 9,1% en abril, nesa mesma porcentaxe descende o salario real. Así, no caso de manterse o IPC nesa cifra, o poder adquisitivo redúcese en 146,96 euros ao mes, sumando ao final do ano 1.763 euros, 148 euros máis que unha mensualidade recollida na nómina.

A cláusula salarial

A situación complícase máis atendendo ao número de convenios que inclúen a chamada cláusula de garantía salarial, unha disposición pensada para garantir a capacidade de compra en ciclos inflacionistas, que segundo a CIG só cobre 25% dos acordos entre traballadores e empresarios para 2022.

As perspectivas non son mellores a medio prazo. A este respecto, todas as previsións económicas asumen unha alza dos prezos de modo acusado nos vindeiros exercicios e, sempre, nuns índices por riba do 2% recollido nos orzamentos do Estado. Nese sentido, os expertos poñen a vista na inflación subxacente, onde se observa unha suba constante e continuada con particular incidencia nos produtos básicos, como os alimentos.

A proposta de pacto de rendas lanzada desde o Goberno no caso de entrar en vigor tería un impacto importante na perda de poder adquisitivo. A iniciativa, apoiada pola CEOE, pretende non trasladar aos salarios a suba da inflación, repercutindo exclusivamente nos operarios o incremento do custo da vida.

comentarios