Pontón pide que a cesión de pisos da Sareb a Galiza sexa gratuíta

O BNG di que eses inmóbeis xa se pagaron co rescate bancario
Ana Pontón (Foto: Nós Diario).

A cesión de vivendas da Sareb a Galiza debe de ser gratuíta e os problemas de vivenda deben tratarse con "rigor" e afastando "a propaganda". Así se manifestou onte a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha comparecencia no Parlamento na que reprochou aos Gobernos galego e español que no tema da vivenda opten polo "electoralismo" no canto das "solucións".

 "Nin con propaganda nin con anuncios electorais van solucionar os problemas que os galegos e as galegas teñen para acceder a unha vivenda", sostivo nunha rolda de prensa na que lembrou que "16.500 persoas" están inscritas no rexistro de demandantes de vivenda protexida.

Vivendas xa pagas

Neste sentido, após o anuncio do Goberno estatal da cesión de 50.000 vivendas da Sareb, Pontón censurou que non se estea falando dunha "cesión gratuíta". "Están a dicirnos que as vivendas que xa pagamos mediante un rescate bancario, imos ter que volver pagalas con recursos públicos", denunciou. Fronte a esta oferta de compravenda do Executivo de Pedro Sánchez, propuxo a cesión gratuíta a Galiza das 3.000 vivendas que indicou que a Sareb ten na Galiza, tanto as xa construídas como as que están en construción. 

"Volveremos levar esta semana ao Parlamento esta proposta, porque aínda que xa se aprobou por unanimidade hai meses, o PP non fixo nada para levala a cabo", criticou.

Lembrou que o BNG presentou unha emenda á Lei de vivenda no Congreso na que reclama a cesión gratuíta destes inmóbeis.

"Non fixo nada"

Na súa intervención, Pontón afirmou que entre 2014 e 2018 o Goberno da Xunta só construíu unha vivenda protexida destinada a aluguer. Con cargo ao Plan de Vivenda 2014-2021, engadiu, só se construíron 39 inmóbeis "malia anunciar a construción de 800".

"Isto dá boa mostra de como o PP dinamitou a política pública de vivenda deixando sen executar a maior parte dos fondos", indicou a líder da oposición. "Se facemos contas", sinalou, desde 2009 até 2023, o PP "recortou nos orzamentos de vivenda protexida 1.800 millóns de euros".

A portavoz nacional cifrou  en 30% a suba dos prezos do aluguer nos últimos anos nas grandes cidades "nun país no que os salarios e as pensións están por baixo da media estatal".

O BNG, lembrou, defende un plan con compromisos concretos por anualidades e que determinen onde se vai construír vivenda pública.

Comentarios