Pontón, sobre limitar o prezo de alimentos: "Non podemos tomar decisións que llo poñan máis difícil aos produtores"

A líder nacionalista insiste na necesidade dun "plan de choque" de 1.000 millóns de euros para paliar os efectos da crise.
Ana Pontón, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arxina)
photo_camera Ana Pontón, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu solucións "de calado" que vaian ao fondo dos problemas relacionados coa inflación e a suba dos prezos. Concretamente, sobre a proposta da vicepresidenta Yolanda Díaz de limitar o prezo dalgúns alimentos básicos, sinalou que "non se poden tomar decisións que llo poñan máis difícil aos produtores, que teñan marxes menores", e asegurou que non cre "na boa fe das distribuidoras".

"O que teñen que facer é evitar a especulación e aumentar as marxes de ganancia dos produtores", indicou Pontón nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional Galicia. Cre a líder nacionalista que a Unión Europea ten responsabilidade na alza dos prezos, xa que as sancións "non castigan Rusia, senón a cidadanía europea, con prezos máis elevados de electricidade e gas".

"A Unión Europea non pode mirar a outro lado e tomar decisións, por exemplo, como subir as hipotecas, que afogan aínda máis as familias", advertiu. Pontón tamén criticou a actitude da Xunta, "paralizada" en virtude do que "lle vai ben ao PP de Madrid".

Ante esta situación, insistiu en solicitar un plan de choque de mil millóns de euros, en apoiar a educación pública, "que agora conta con 700 profesores menos e cunhas familias que teñen que afrontar a volta ao cole máis cara dos últimos anos, cun gasto extraordinario de entre 400 e 1.200 euros por neno".

Tamén defendeu un plan extraordinario de 25 millóns de euros para familias de renda inferior a 12.000 euros, "para que a crise non expulse do sistema do ensino moitas persoas" e a necesidade de recuperar o cartón básico.

A isto engade a posibilidade de aumentar a Risga e facela compatíbel co ingreso mínimo vital (IMV) e apoiar as pensións non contributivas co obxectivo de "despregar todo un flotador social". Considera Pontón que estas medidas se poden aplicar xa que o ano pasado deixouse sen investir mil millóns de euros dos orzamentos, segundo lembrou.

Sanidade e rural

Entre as medidas que propoñen os nacionalistas, e concretamente a respecto da sanidade, destacan un plan de rescate enfocado sobre todo na atención primaria, "á que se destinaron 47 millóns de euros que fai nove anos".

"Estamos cuartos pola cola en investimento en atención primaria. Pedimos 2,2% máis nos orzamentos de 2023, o que sería igualar a media do Estado. Habería que aumentar até 25% dos orzamentos nos próximos anos, que é o que recomenda a OMS", explicou.

Por último, e en canto aos incendios que azoutaron este verán o país, a líder do BNG censurou a "intención clara do PP de non facer nada". "Hai responsabilidade política detrás de que o monte arda ano tras ano e cada vez con máis virulencia. Non vale botar balóns fóra. Arde por moitas causas, pero entre elas está unha política rural fracasada e o despoboamento. Hai que apostar nun novo modelo de monte que sexa multifuncional e sustentábel", concluíu.

Comentarios