REACCIóN á CANDIDATURA DE FEIJóO

Pontón: “Feijóo é xusto o contrario do que precisa Galiza”

Após a valoración de urxencia no sábado nas redes sociais, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou este domingo que Alberto Núñez Feijóo recunque como candidato do PP á Xunta. “Está moi lonxe de ser  o que Galiza precisa”, apuntou.

ANA PONTÓN 2

A dirixente nacionalista non se amosa sorprendida polo anuncio de Feijóo. Sinala que o resultado da “crónica da candidatura anunciada” era o “previsto”. “Repite como cartel electoral do PP porque é o que lle convén ao seu partido, aquí e en Madrid, pero está moi lonxe de ser o que lle convén a Galiza, após sete anos de políticas de dereita tóxicas para a maioría social”.

Ana Pontón afirma nun comunicado de imprensa que o presidente da Xunta está “instalado na propaganda e na mentira” e que levou o país a ter “máis paro, máis precariedade e máis emigración”, así como á destrución dos nosos sectores produtivos. Feijóo, engadiu, deixa unha Galiza “máis pobre e desigual, con menor peso político”.

"Temos o convencemento de que os galegos e galegas aproveitarán a ocasión e asinarán a carta de despedimento do señor Feijóo"

Neste contexto, a portavoz nacional do BNG di estar convencida de que Feijóo recibirá “a carta de despido” nos comicios galegos. “Temos o convencemento de que os galegos e galegas aproveitarán a ocasión e asinarán a carta de despedimento do señor Feijóo nas próximas eleccións galegas”. “Será a maioría social a que abra unha nova etapa para o país nos próximos comicios que desaloxe as políticas de desastre do PP do Goberno da Xunta”, salientou.

Tamén se referiu Pontón ao “paripé de autobombo electoralista” protagonizado por Feijóo nos últimos meses para se presentar como “candidato-mártir” disposto a se “sacrificar” polo país.

Comentarios