Para Pontón, Feijóo usa o goberno galego como “lanzadeira” dos candidatos do PP para as municipais

Nesta segunda feira, a portavoz do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón, deu unha conferencia de imprensa na que puxo de manifesto o que cualificou de inmobilismo do goberno de Feijoo e o seu interese por recuperar o poder nos concellos

Na segunda feira, a voceira nacioanl do BNG, Ana Pontón, deu unha rolda de prensa no Parlamento de Galiza. Puxo de manifesto que o goberno de Feijoo no ten nada novo que ofrecer aos galegos e ás galegas. “Quere transladar a imaxe dun goberno de olimpo de deuses onde non ten nada que mellorar”, comenta. A voceira do BNG afondou no feito de que Feijoo decida manter todos os conselleiros e conselleiras sen introducir nen un só cambio no goberno galego. “Demostra o seu inmobilismo. Un triunfalismo que é inútil para mellorar a vida dos galegos e das galegas. Galiza necesita un novo impulso”, comenta. 

Esta decisión demostraría cales son os intereses do Partido Popular: “Seguir utilizando as institucións públicas como próximas lanzadeiras para as vindeiras eleccións”. Ao seu xuízo, Feijóo non pensa na Galiza, senón nos intereses do seu partido. “Veremos cales son so seus candidatos e candidatas nas municipais e entenderemos moitas das decisións que acaba de adoptar”, dixo.

“Estou convencida de que se hoxe mantén todos os conselleiros non é porque pense que o fan ben, senón porque cre que é a mellor maneira para promocionar algúns candidatos do PP”, afirma. “Teño a convición de que el non cre que o seu goberno sexa perfecto, pero intéresalle máis mirar polos intereses do seu partido”, engadiu.

A vindeira semana terá lugar o primeiro pleno da nova lexislatura. Na sesión de control, Pontón avanzou que a pergunta que se lle fará a Feijóo xirará arredor da transferencia da AP9. O BNG inquerirá ao chefe do goberno galego que opina de que Rajoy “anuncie 8.000 millóns de euros para rescatar as autoestradas madrileñas”, mentres que “para Galiza diga que ten 0 euros para rescatar a AP-9 e as abusivas peaxes que todos os días teñen que pagar os galegos e as galegas”. 

Comentarios