Pontón: "A mellor homenaxe ás vítimas é defender unha sanidade pública de primeira"

Proclama que a formación nacionalista está preparada para "dar un futuro digno" á cidadanía galega.

Ana Pontón
participa nun acto de reencontro coa militancia [Imaxe: Arxina].
photo_camera Ana Pontón participa nun acto de reencontro coa militancia [Imaxe: Arxina].

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) organizou este domingo un reencontro coa militancia no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela, ao que acudiron un cento de persoas. No acto, a portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta da Galiza do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, avisou de que nas eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo os e as galegas deberán elixir entre "ir a menos" co "inmobilismo" do Partido Popular (PP) ou "escribir unha nova e gran páxina na historia" da Galiza cunha muller nacionalista como máxima responsábel do Goberno galego.

Pontón comezou a súa intervención con tres caraveis: un branco como o portado na homenaxe a todas as vítimas da COVID-19 no día de onte e, en especial, ás 619 que rexistra por agora Galiza. "A mellor homenaxe é defender unha sanidade pública de primeira e que nunca máis a vellez sexa un negocio", reivindicou a líder nacionalista. A seguir, cunha flor vermella quixo simbolizar os traballadores e as traballadoras de sectores como o sanitario ou o da alimentación, que "estiveron ao pé do canón no momento máis duro". Moitos deses postos, destacou, ocúpanos "mulleres precarias", polo que pediu traballar por unha Galiza feminista para "devolver un pouco" do seu esforzo. Por último, un caravel azul co que trasladou a súa "admiración" porque os galegos e as galegas mostraron que non se renden e puxeron "o colectivo por enriba do individual" nesta crise sanitaria.

Pontón cualificou o presidente da Xunta e candidato polo PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, de "campión do oportunismo" por "aproveitarse" do "erro" do Goberno estatal de centralizar a xestión da pandemia. "Feixoo pasou 90 días coas súas 90 noites escondéndose após o mando único e dicindo que os erros eran do Goberno e os acertos de Feixoo", criticou e engadiu que isto é o que fixo os 11 anos que leva á fronte da Xunta.

Acusouno tamén de utilizar a televisión pública galega, a TVG, como "plataforma" para facer "campaña descarada" no medio dunha pandemia. "Pero toda a propaganda e a manipulación non tapan que levamos 11 anos de desastre en desastre para este país", afirmou.

Aire novo en San Caetano 

Por iso, sinalou, o 12 de xullo as galegas e os galegos teñen dúas opcións: "instalarse no inmobilismo do PP" ou "apostar polo cambio" e "abrir portas e ventás para que entre aire novo en San Caetano". O balance dos últimos 11 anos, dixo, é a posición de "irrelevancia" e "cero novas prazas en residencias públicas, cero novas competencias e máis emigración e máis crise demográfica". Fronte a isto, o BNG "está preparado para darlle un futuro digno a Galiza", contrapuxo.

Pontón manifestou a súa "ilusión polo BNG" e mostrouse "convencida" de que a formación dará "a campanada" nas eleccións do 12 de xullo e Galiza pasará a ter "unha presidencia nacionalista e unha muller presidenta". Ademais, dixo sentirse "orgullosa" de que os nacionalistas presenten como candidata "non á filla dun empresario, senón á neta dunha labrega e filla de traballadores", o cal é "toda unha declaración política".

Todas as cabezas de lista, presentes 

No acto interviñeron as cabezas de lista polos catro territorios, ademais doutros candidatos ao Parlamento de Galiza, como Montse Prado, a número dous por Pontevedra; Alexandra Fernández, número tres pola mesma provincia; e Xosé Luís Rivas 'Mini', número dous pola Coruña, após a propia Pontón.

A número un por Lugo, Olalla Rodil, dixo que nas autonómicas decídese se Galiza volve "ao pasado", no que na 'nova normalidade' abren antes discotecas e verbenas que centros de día; mentres que a cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, chamou a terminar a tarefa "que vén de lonxe, de Rosalía, de Alexandre Bóveda e de Castelao" de estabelecer un goberno nacionalista na Xunta.

A candidata que abre a lista por Ourense, Noa Presas, apostou por que o BNG se dirixa ás persoas que, con esta crise sanitaria, viron os efectos dos recortes e buscan "alternativas". Pola súa banda, Xosé Luís Rivas destacou o valor dun modo de vida máis próximo ao rural: "O bichiño non brincou facilmente entre persoas porque seguimos co noso ritmo".
 

Comentarios