18-F

Pontón propón un seguro público para cubrir as perdas do sector marisqueiro e garantir unhas "rendas dignas"

O BNG anuncia un plan de rexeneración das rías, incluíndo a limpeza e recollida de plásticos os 365 días do ano, co obxectivo de recuperar a produtividade "perdida".
Reunión de Ana Pontón coas mariscadoras a pé, hoxe, na Illa de Arousa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Reunión de Ana Pontón coas mariscadoras a pé, hoxe, na Illa de Arousa. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG e candidata á presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, propuxo esta cuarta feira crear un seguro público para cubrir as perdas do sector marisqueiro e garantir "unhas rendas dignas". Así o declarou desde a Illa de Arousa, onde mantivo un encontro co sector do mar, principalmente coas mariscadoras a pé.

Pontón foi a primeira candidata á presidencia da Xunta que visitou este municipio no que a formación nacionalista viviu un importante crecemento nas últimas eleccións municipais, pasando de un a tres edís e tornando nunha forza do Goberno local, en coalición co PSdeG. Alí detallou as tres políticas de actuación que a súa formación política levará a cabo no ámbito do apoio á produción, investigación e comercialización.

Pontón ve "incomprensíbel" que durante estes 15 anos o Goberno do PPdeG "deixase atrás" o sector do mar, "fundamental" na economía galega xa que, engadiu, no seu conxunto representa 4,8% do PIB do país e uns 64.000 empregos. "Non atendeu as súas necesidades e que, claramente, está a facer que tamén o noso sector marítimo fique máis pequeno neste país", esgrimiu Pontón.

Por iso, comprometeuse a ser a presidenta que "recupere" o sector, que traballe "man a man" con eles e que "poña en marcha" unha nova etapa que permita que a xente "teña suficiente confianza" para saber que "aquí vai haber futuro".

Seguro público

No que ten a ver coa produción, Pontón considerou "básico" iniciar un plan de rexeneración e recuperación das rías xa que, nos últimos anos, "perderon produtividade". "Por tanto, entendemos que é fundamental que na próxima lexislatura sexa a da rexeneración das nosas rías. Un plan no que ten que participar economicamente non só a Xunta, senón tamén o Estado e os propios fondos da UE", puntualizou.

Ademais, cre que hai que apoiar a produción apostando polas hatchery, por ter sementes propias na Galiza, por regular o baleirado das presas e "ser capaces" de garantir que as persoas que se dedican a esta actividade, cando hai problemas na produción, "non a abandonen". Por iso avanzou a creación dun seguro público para cubrir as perdas do sector marisqueiro e garantir unhas "rendas dignas" a quen traballa neste ámbito.

"Precisamente, unha das cuestións que nos parece importante, dada a baixada de produtividade brutal que vivimos este último ano, é que haxa máis axudas para que este sector non se descapitalice, para que as mariscadoras non abandonen a actividade", apostilou Pontón. Desta forma, avanzou que porán en marcha axudas mensuais ás mariscadoras, polas perdas de produtividade e reclamarán ao Estado que lles "reduza" as cotizacións á seguridade social.

"Gran consorcio" para a investigación

No ámbito da investigación, cre que "é clave" que se inicie un "gran consorcio" da investigación marítima na Galiza xa que, na actualidade, os diferentes centros traballan "de maneira descoordinada". "Temos que facer unha gran investigación sobre que está a pasar nas rías para que se rexistre esta perda de produtividade e que, por tanto, hai que dotarse de maior coñecemento científico sobre o que pasa nas rías para ser capaces de acertar nas decisións que temos que tomar", explicou a portavoz do BNG.

O terceiro punto da súa política ten que ver coa comercialización e é que Galiza ten un produto de "máxima calidade", hai que darlle maior valor engadido e situalo "mellor" nos diferentes mercados.

Comercializadora mixta

Neste ámbito propuxo crear unha comercilizadora mixta dos produtos, que se identifiquen "cunha marca propia" que garanta que ese produto que se vende como galego é "realmente" o que sae das rías da Galiza. Continuará apostando polas denominacións de orixe e porque haxa a "maior transformación posible do produto", xa que pode darlle un valor engadido e que pode achegar que as rendas que cheguen ás familias sexan "máis dignas".

Preocupacións do sector

Pola súa parte, o cabildo das mariscadoras a pé cualificou as axudas da Xunta "irrisorias" e como "unha esmola" para o sector. Desta forma, explicaron a Europa Press que, aínda que unha mariscadora estea de baixa pero teña o carné de mariscar vixente, pode acceder á axuda.

"Non debería ser así. Tería que ser só as mariscadoras que están a traballar. Nin as xubiladas, nin as que están de baixa, nin as que teñen unha incapacidade temporal. Iso non é normal", lamentaron. Tamén representantes do sector 'bateeiro' mostraron a Pontón a súa preocupación polo "conflito da mexilla".

Por outra parte, esta terza feira, Pontón visitou a localidade de Ribeira e anunciou un plan de rexeneración das rías, incluíndo a limpeza e recollida de plásticos os 365 días do ano, co obxectivo de recuperar a produtividade "perdida". "Galiza é unha nación pesqueira e marisqueira e queremos que siga sendo así, e iso pasa pola limpeza integral das nosas rías, tanto por razóns ambientais como de xeración de riqueza e emprego", proclamou.

Comentarios