Pontón cre que a enquisa do CIS evidencia "que hai unha maioría que quere cambio" na Galiza

"Hai unhas tendencias que son moi claras: que o Partido Popular está a baixar e o BNG é a forza que sobe ", afirma a portavoz nacional e candidata nacionalista.
Ana Pontón en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG e candidata nacionalista á presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, valorou esta sexta feira a enquisa de intención de voto do CIS apuntando que evidencia "que hai unha maioría que quere cambio" na Galiza.

"Hai unhas tendencias que son moi claras: que o Partido Popular está a baixar e o BNG é a forza que sobe e, por tanto, estamos ás portas de que podamos poñer en marcha un cambio de ciclo na Galiza", dixo, en declaracións aos medios en Compostela.

Máis aló das enquisas, Pontón lembrou que o 18 de febreiro saberase "cal é a valoración que fai a xente deste país de que futuro quere escoller", aínda que augurou que o país está "ás portas dun gran cambio", do que hai "unha posibilidade real".

Por iso, afirmou, "é fundamental" que "todas as persoas que queren ese cambio" vaian votar o 18 de febreiro, que "ningún voto do cambio quede en casa", e que "haxa unha concentración ao redor da forza política que está a disputar a presidencia ao Partido Popular, que é o BNG".

"Se hai esa concentración de voto e esa participación histórica, estou convencida de que o 18 de febreiro imos ter motivos de alegría e, sobre todo, motivos para mirar con máis esperanza o futuro deste país", engadiu Pontón.

O barómetro preelectoral do CIS de cara ás eleccións galegas do 18 de febreiro deixa un escenario especialmente aberto. Segundo as súas estimacións, o Partido Popular volvería ser a forza máis votada, pero perdería polo camiño máis de catro puntos porcentuais a respecto da cita coas urnas de 2020, o que lle outorgaría entre 36 e 38 escanos.

Esa caída aproveitaríaa o BNG, que pasaría de 23,8% a arredor de 29,3% dos sufraxios emitidos este 18-F, con entre 20 e 23 deputados e deputadas. O PSdeG sería a terceira forza con entre 15 e 17 actas e un 20,4% do voto, mellorando tamén os resultados de 2020.

Pola súa parte, Sumar lograría no conxunto do país un 3,5% e podería tanto quedar fóra da Cámara galega como obter até dúas representantes. Tamén fica no ar Democracia Ourensá, que obtería un 0,4% do voto total na Galiza e entre cero e un escano.

Comentarios