Asemblea Nacional do BNG

Pontón, coa "man tendida" até o último momento para lograr unha lista de consenso na Asemblea Nacional do BNG

A portavoz nacional da formación nacionalista defende o pluralismo dun BNG "unido, forte" e cun grande "apoio social", tras pedir a Unión do Povo Galego (UPG) unha dinámica "máis colectiva e plural".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defende que sempre traballou pola "unidade" e asegura estar aberta a alcanzar unha candidatura de consenso para a XVIII Asemblea Nacional que a formación celebrará o domingo. A esta cita concorren tres listaxes, a encabezada pola propia Ana Pontón, a do colectivo Alicerce que lidera Gustavo Barcia, e a do Movemento Arredista, con Noa Presas á fronte. "Como portavoz nacional sempre traballei por esa unidade e até o último momento a miña man está tendida", destaca, desmentindo, como afirmaron algúns medios, a líder da formación descartase a posibilidade dunha lista de consenso.

Pontón insiste en enmarcar a existencia de varias candidaturas ao Consello Nacional —o máximo órgano de decisión entre asembleas— na democracia interna do BNG. "Somos unha organización democrática, na que a militancia decide, e penso que isto forma parte da normalidade", sinala para deixar claro que no BNG "non hai ninguén imprescindíbel nin incuestionábel" e que "este é o momento no que a organización debe decidir que rumbo seguir".

Preguntada polo comunicado remitido pola Unión do Povo Galego (UPG), partido integrado na formación nacionalista, no que defende unha organización "colectiva, plural e afastada de calquera tentación presidencialista", a portavoz nacional do BNG asegurou estar "centrada" en fortalecer o proxecto e subliñou que o BNG é unha "organización plural, unida e forte".

"Estamos nun gran momento para o nacionalismo. Conseguimos cotas de apoio social que só os máis optimistas podiamos soñar hai uns anos e temos que seguir traballando coa man tendida ao conxunto da organización para fortalecer a unidade e, sobre todo, para fortalecer o noso traballo social, que é o que nos fai ser", dixo para lembrar que "unha organización política ten que estar ao servizo da sociedade".

Neste punto e despois de que desde varias das candidaturas que concorren á asemblea se apelase ao consenso, sostivo que como portavoz nacional sempre traballou por "esa unidade" e non fechou a porta para alcanzar un consenso para a XVIII Asemblea ao asegurar que "até o último momento" a súa man está "tendida". E é que o regulamento interno do BNG marca que hai de prazo até as 10 horas do propio domingo para que as distintas candidaturas presentadas poidan comunicar alteracións na lista.

Continuar na senda iniciada hai oito anos

A líder do BNG, que o domingo previsibelmente renovará o seu liderado á fronte da formación, asegura presentar "modestamente" a súa candidatura para pedir o apoio da militancia co obxectivo de "continuar a liña política" dos últimos anos. Todo iso tras lembrar a "situación moi difícil" que vivía a organización cando ela tomou as rendas. "Había quen daba o BNG por amortizado e demostramos que cunha liña política clara, nacionalista, centrada en explicar o noso proxecto á sociedade, conseguimos o maior apoio dos nosos tempos", manifestou.

Así mesmo, preguntada sobre as chamadas para incidir nun "discurso decididamente soberanista" feitas tanto pola UPG como polo Movemento Arredista —partido que forma parte tamén o BNG—, Pontón lembra que se trata dun asunto que se aborda no relatorio político e que foi aprobado por unanimidade no Consello Nacional. "Por tanto, entendo que aí non hai discusión", subliña a líder do BNG, que rexeita que a defensa do soberanismo da Galiza poida restar apoio electoral á formación, a pesar das críticas de rivais políticos como o PP.

"Levamos desde o ano 2016 crecendo en apoio social e electoral dunha forma espectacular", destaca, que considera que "a ningún galego nin a ningunha galega lle sorprende que o BNG sexa nacionalista". "Somos tan claros que o poñemos nas nosas siglas", apunta para deixar claro que iso significa "defender ante todo os intereses dos galegos e as galegas" e "por iso, cada vez máis persoas séntense identificadas co BNG, porque saben que somos a forza que vai defender os seus intereses e que vai facer valer este país".

Ademais, interpelada sobre se estaría disposta, chegada o momento, de volver postularse para ser a candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza se a militancia así o decide, Pontón insistiu en que a súa é unha "gran organización e moi forte" e asegurou ter "máis ánimo e máis forza que nunca". "Sempre vou estar traballando para o ben da Galiza e o ben do BNG", destaca.

Comentarios