Entrevista

Gustavo Barcia: "Agora, cando máis fortes estamos, é cando temos que reforzar o discurso e a organización e ampliar a base"

'Alicerce', a última corrente en xurdir no seo do BNG e que lidera o seu portavoz en Mos, Gustavo Barcia; 'O BNG en Movemento', a lista impulsada polo Movemento Arredista coa deputada Noa Presas á cabeza, e 'Candidatura encabezada por Ana Pontón', coa actual portavoz nacional como cabeza visíbel, son as tres listas que se rexistraron de cara á XVIII Asemblea Nacional da formación nacionalista, que decorre este domingo en Compostela. 'Nós Diario' conversa en exclusiva con Barcia, Presas e Pontón.
Gustavo Barcia, portavoz do BNG en Mos (comarca de Vigo). (Foto: Nós Diario)
Gustavo Barcia, portavoz do BNG en Mos (comarca de Vigo). (Foto: Nós Diario)

—Por que decidiron impulsar o movemento Alicerce?
Alicerce nace após dous anos de traballo cunha mentalidade construtiva, de intentar incidir ou potenciar certos aspectos dentro do BNG que son a democracia interna, o ecoloxismo, o feminismo e a diversidade, sobre todo ante a onda reaccionaria no mundo que nos quere levar 100 anos atrás. Somos do BNG, polo que todo o marco de conciencia de clase, internacionalismo, lingua, nacionalismo... está no ADN de Alicerce.

—Que diferencia Alicerce das outras dúas candidaturas?
A lista 'oficial', por chamala dalgunha maneira, representa as dinámicas que hai actualmente, e nós entendemos que hai que mudar algunhas delas. Hai xente que pode entendelo como unha crítica, pero máis que iso é intentar potenciar esas liñas con propostas máis contundentes, quizais máis atrevidas, no feminismo, a diversidade, 
o ecoloxismo...

—Que propostas trasladaría ao Consello Nacional do BNG?
Ás veces dise que hai certa apatía dentro das asembleas comarcais. Nós entendemos que hai que reformular a forma de participación da militancia, para que se sinta importante. En canto ao ecoloxismo, por exemplo, ao mellor hai que crear un gabinete técnico de persoas que fagan propostas e que se trasladen directamente á militancia. En canto a feminismo e diversidade, cando tes unha onda reaccionaria enfronte, o discurso non pode seguir sendo o mesmo. Ten que ser máis proactivo, máis contundente. E tamén temos que ter moita formación e divulgación interna dentro do seo do propio BNG para despois trasladar todo iso cara a fóra, cara á sociedade.

—Cales son as súas metas?
No curto prazo, a intención da candidatura é entrar nos órganos de dirección do BNG para dar voz a estas inquietudes e poñelas enriba da mesa. A longo prazo, consolidar o movemento e dalo a coñecer por todo o país para profundar neses aspectos dos que falaba antes: democracia interna, ecoloxismo, feminismo e diversidade, fundamentalmente.

—Como valora o momento actual do BNG?
Electoralmente estamos nun bo momento; organizativamente, hai máis militancia. Moitas veces téndese a reorganizar as estruturas internas cando estás nun mal momento, cando quizais tiñas que facelo antes para precisamente non chegar a iso. Agora, cando máis fortes estamos, é cando temos que reforzar o discurso e a organización, para seguir ampliando a base e acadar o obxectivo de chegar á Xunta, que é unha ferramenta para transformar o país e, sobre todo, a vida da xente, que ao final o que máis valora en política é a coherencia.

—Cara a onde debe dirixirse o BNG?
A liña que se está a seguir está ben, pero hai que profundar ou marcarse uns obxectivos máis ambiciosos. Eu entendo que hai un 'día a día' co que tes que traballar, pero tamén temos que crear unha conciencia de fondo. E se a xente percibe que traballamos por e para o país, o BNG alcanzará cotas máis altas de representación electoral para poder mudar este país a mellor.

Comentarios