Entrevista

Noa Presas: "Hai que seguir apostando por un BNG abertamente soberanista, sen complexos, e amosar que é a alternativa"

'Alicerce', a última corrente en xurdir no seo do BNG e que lidera o seu portavoz en Mos, Gustavo Barcia; 'O BNG en Movemento', a lista impulsada polo Movemento Arredista coa deputada Noa Presas á cabeza, e 'Candidatura encabezada por Ana Pontón', coa actual portavoz nacional como cabeza visíbel, son as tres listas que se rexistraron de cara á XVIII Asemblea Nacional da formación nacionalista, que decorre este domingo en Compostela. 'Nós Diario' conversa en exclusiva con Barcia, Presas e Pontón.
A deputada do BNG Noa Presas. (Foto: Arxina)
A deputada do BNG Noa Presas. (Foto: Arxina)

—En anteriores asembleas participaron dunha lista unitaria. Que mudou para que agora opten por unha propia? 
O espazo político e ideolóxico que representa o Movemento Arredista dentro do BNG leva participando de candidaturas de unidade desde o ciclo que se abriu en Amio. Esa era a nosa vontade agora, pero lamentabelmente a falta de xenerosidade dos sectores maioritarios do BNG non facilitou que así puidera ser. Esa foi a motivación, ademais de considerar que neste momento, aínda que electoral e socialmente a percepción do BNG e os resultados sexan positivos, temos un reto para o futuro, para fortalecer o nacionalismo. Hai que intensificar o debate interno, revisar as nosas formas de organización e dar debates políticos que non podemos aprazar simplemente porque o contexto electoral sexa positivo.

—Cal é o seu obxectivo de cara á Asemblea deste domingo?
Para nós o principal é que haxa debate e contraste de ideas, sempre desde a lealdade e o compañeirismo, e que saia un BNG máis fortalecido, e que a militancia decida.

—Pensando no longo prazo, cales son os retos para o Movemento Arredista?
A nivel organizativo temos que fortalecer por abaixo a organización e conseguir incorporar máis sectores da clase traballadora, e actuar en espazos como o feminismo ou a vivenda, que a día de hoxe está socialmente desatendida, e onde temos articular nós a resposta e non esperar a que o faga a dereita. Entendemos que, nese sentido, o avance electoral non se traduciu necesariamente nun avance orgánico e social, e aí temos un reto enorme tendo en conta, ademais, que o BNG aspira a ser moito máis que unha plataforma electoral. Temos que prepararnos para gobernar a Xunta, e iso require tecer grandes consensos internamente para xestionar todas as contradicións. E temos que facer unha lectura atinada tamén a nivel estatal, onde temos moito que mellorar, como incrementar a nosa capacidade de tensionamento co PSOE para que cumpra connosco e preguntarnos se estamos facendo todo o posíbel, e conseguir que a sociedade galega, que noutras circunstancias nos apoia, confíe en nós tamén para incrementar a nosa forza nas Cortes estatais.

—Que aspectos diría que diferencian a súa candidatura? 
Está emerxendo un novo espazo político, Alicerce, e para nós aínda é temperán xulgar a súa contribución, e con moitos e moitas compañeiras da outra candidatura levamos moito tempo tecendo un camiño colectivo que nos enche de orgullo; gústame pensar máis no que nos une. Nesta Asemblea teremos que contrastar diferenzas e ser capaces de tecer consensos a futuro.

—Que liña debe seguir o BNG?
Non podemos confundir, ou homologar, o avance electoral e o social. Temos que tecer redes de organización e traballar coa sociedade para disputar a hexemonía ao PP, algo que non se consegue só facendo unha boa alternativa electoral, senón traballando desde a base. Hai que seguir apostando por un BNG abertamente soberanista, sen complexos, coa mesma audacia que tivemos noutros momentos históricos para amosar á sociedade galega que somos a alternativa en todos os ámbitos.

Comentarios