Ana Pontón: "Sen organización nada é posíbel; cunha organización sólida, unida e forte, somos imparábeis"
—En 2016 algunhas enquisas deixaban o BNG fóra do Parlamento e hoxe é segunda forza. Como valora estes últimos oito anos?
En 2016, cando se me pide que opte á portavocía nacional e acepto ese reto, o BNG estaba nun momento moi difícil. Había unha situación de desánimo e nese momento tomou as rendas unha nova dirección que, recollendo toda a tradición do nacionalismo, entendía que estabamos ante unha situación crítica. Fomos traballando o conxunto da organización nese ámbito, recuperando o pulso social, analizando cales foran os erros, pondo en marcha unha nova forma de comunicar. Isto é un éxito colectivo e detrás hai dúas cuestións: a primeira, que nada disto sería posíbel sen a militancia do BNG, e a segunda, que acertamos na liña política e demostramos que, aplicando os principios do nacionalismo, explicando con pedagoxía as nosas propostas e cun proxecto adaptado á realidade galega, podemos chegar a amplas
capas da sociedade.
—Cales deben ser os obxectivos do BNG no novo ciclo que abrirá a Asemblea?
É evidente que necesitamos fortalecer a nosa organización, necesitamos ensanchar máis a base do nacionalismo, e debemos manternos firmes nos nosos principios. Somos unha organización nacionalista, antiimperialista e que defende os dereitos do noso país, e aí temos unha fortaleza sobre a que traballar. E temos que afianzar ben un dos nosos principios fundacionais como é o frontismo para que o BNG, que é a casa común do nacionalismo, sexa tamén a de todos os galegos e galegas que queren un país diferente ao que nos está deixando o PP.
—Que diferencia a lista que encabeza das outras dúas?
Eu vou defender que haxa un apoio masivo á candidatura que encabezo, que é ampla, aposta pola unidade e quere reforzar todo o traballo organizativo. Temos loitas importantes, como evitar que nos poñan unha macrocelulosa [Altri] no corazón do país, frear o espolio eólico ou pór en marcha unha acción social conectada coas preocupacións da sociedade, e ao mesmo tempo dando debates de fondo fundamentais para o noso futuro. Por exemplo, un concerto económico que nos dea a chave dos nosos cartos. Esta candidatura reflicte os seus posicionamentos nunhas teses que, por certo, aprobamos por unanimidade no Consello Nacional, e ten un obxectivo claro: reforzar o noso traballo en todos os ámbitos e pór en marcha o cambio político que necesita este país. Un proxecto transformador como o que representa o BNG necesita unha base moi sólida, e ten que construírse desde cada asemblea local, desde cada ámbito máis próximo. Reforzar eses espazos e ter esa capacidade de atraer máis persoas é un reto que temos que abordar con toda a decisión.
—Que agarda da Asemblea Nacional deste domingo?
Agardo unha participación multitudinaria. A Asemblea Nacional sempre é un momento emocionante para todos e cada un dos militantes, onde podemos decidir o futuro e o rumbo desta organización colectivamente, que é como entendemos. Sen organización nada é posíbel; cunha organización sólida, unida e forte, somos imparábeis.