28-M

Pontón chama desde O Rosal a unha "participación masiva" o 28-M

Arroupou a rexedora e alcaldábel Ánxela Fernández.
No centro, Ana Pontón e Ánxela Fernández, esta quinta feira, no Rosal. (Foto: Nós Diario)
photo_camera No centro, Ana Pontón e Ánxela Fernández, esta quinta feira, no Rosal. (Foto: Nós Diario)

Ana Pontón puxo o ramo á xornada de campaña desta quinta feira no Rosal, concello no que o BNG goberna con maioría absoluta desde 2019, para apoiar a alcaldesa e candidata nacionalista, Ánxela Fernández.

A portavoz nacional do BNG fixo un chamamento á "mobilización e á participación masiva "de cara ao próximo 28 de maio, a concentrar todo o voto rebelde, inconformista e de país no BNG; porque encher as urnas de papeletas BNG é garantía de gobernos municipais de calidade, que transforman e melloran a vida das persoas”.

No Rosal, indicou,  “demostramos que temos un modelo municipal de éxito, sinónimo de calidade e de prestixio, que transforma en positivo,  capaz de aportar as solucións máis vangardistas aos retos deste século XXI,  como o da mobilidade, cambio climático, xestión de residuos ou a preservación do noso medio ambiente”, recalcou.

“Imos ter un gran resultado no Rosal, porque a veciñanza quere seguir construíndo este novo concello, man a man coa súa alcaldesa

Para a líder nacionalista, Ánxela seguirá sendo a mellor alcaldesa tras o 28M porque así o vai decidir a veciñanza”.

Pontón comprometeu o seu apoio ao Anel verde do Miño, un proxecto de senda fluvial de 180 km entre concellos galegos e portugueses, cando sexa presidenta da Xunta da Galiza.

Ferrol e Compostela

A líder nacionalista iniciou esta quinta feira a xornada en Ferrol, onde reivindicou para a cidade e comarca unha "mobilidade do século XXI". Acompañada do candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol, Iván Rivas, Pontón criticou que a "incompetencia" dos diferentes Gobernos fagan que a cidade "esta a quedar atrás". Rivas sinalou que Ferrol precisa “a creación dunha empresa de transporte público municipal, que cumpra as obrigas que concellos coma este teñen cos veciños e veciñas,

A seguinte parada foi en Compostela, onde gozou das festas da Ascensión en compaña da alcaldábel Goretti Sanmartín e incidiu en que este 28-M na capital galega "só hai dúas opcións: o BNG ou o PP". "Santiago precisa un cambio fronte ao de sempre", manifestou, pola súa parte, Sanmartín.

Comentarios