28-M

Pontón pon Carballo de exemplo do "bo facer" do BNG nos concellos

Evencio Ferreiro incide en que "o mellor está por vir".
Ana Pontón apoiou o alcalde e candidato nacionalista Evencio Ferreiro en Carballo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón apoiou o alcalde e candidato nacionalista Evencio Ferreiro en Carballo. (Foto: Nós Diario)

O Pazo da Cultura, cheo até a bandeira, como sempre que Carballo acolle un acto central do BNG. Esta terza feira os protagonistas foron a portavoz nacional, Ana Pontón, e o alcalde e candidato nacionalista, Evencio Ferreiro, que tomou o bastón de mando por primeira vez en 2003 cunha oposición alcumándoo de "O Breve" polo pouco que ía durar. 

Dúas décadas despois, Ferreiro debullaba desde o pazo de Cultura o feito nestes anos desde o Goberno local do BNG e, sobre todo, os proxectos a impulsar no futuro. "O mellor está por vir", indicaba, apelando a veciñanza a seguir a dar a súa confianza a un proxecto "para facer un Carballo cada día mellor, un bo lugar para vivir".

Pontón, pola súa parte, puxo este Concello como exemplo do "bo facer" do BNG cando Goberna. A portavoz nacional dixo que  eleccións municipais do 28-M "saímos a ganar un futuro mellor para a Galiza, para esa Galiza en grande que queremos empezar a construír concello a concello”.

Compostela e Lugo

Antes de recalar en Carballo,  a portavoz nacional centrou os actos desta terza feira en Compostela e Lugo. Na capital galega Ana Pontón chamou a "concentrar o voto" das persoas que queiran un cambio en Goretti Sanmartín, a alcaldábel do BNG, e mostrouse segura de que "a maioría dos veciños queren ter unha alcaldesa como Goretti para afrontar os retos da cidade de Compostela, co corazón na cidade".

"Porque hoxe só hai dúas alternativas: BNG ou PP, facer historia e que Santiago teña por primeira vez unha muller alcaldesa liderando a cidade, ou volver a un PP cuxo paso polo goberno municipal foi letal para Compostela", sintetizou Pontón.

En Lugo, e acompañada do candidato Rubén Arroxo, visitou o barrio do Castiñeiriño. Alí, Pontón manifestou que o BNG concibe "o espazo público como un dereito da cidadanía", e que isto é "un sinal de identidade da política municipal" naqueles Concellos onde ten responsabilidades de Goberno, como é na cidade de Lugo.

Comentarios