Pontón chama á mobilización do BNG en todos os municipios ante "as eleccións máis importantes en 42 anos"

O BNG reuniu este sábado en Santiago de Compostela a perto de 400 cargos e representantes municipais.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no centro, este sábado en Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no centro, este sábado en Compostela (Foto: Arxina).

O BNG reuniu este sábado en Santiago de Compostela a perto de 400 cargos e representantes municipais co obxectivo de, despois de dous procesos electorais consecutivos e o desgaste dos comicios, volver mobilizar ás súas bases locais coa mirada posta nas autonómicas de 2024.

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, chamou a esta mobilización para volver pór o foco no músculo municipal para chegar ás eleccións autonómicas en plena forma e lograr realizar o obxectivo marcado xa hai catro anos: situar na Xunta da Galiza á "primeira presidenta" coas "mans libres".

A mensaxe lanzada neste arranque de convención quedou plasmada tamén pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anfitrioa dun acto no que puxo como exemplo a capital galega para trasladar aos seus compañeiros e compañeiras que hai que traballar desde todos e cada un dos municipios coa mensaxe de que é "posíbel", mensaxe que foi o que ela mesma empregou cando só contaban con dous edís para alcanzar o bastón de mando.

Pontón dirixiuse á militancia do BNG como a "fortaleza" da organización, mais consciente de que sen esa mobilización das bases, de cada unha das asembleas, o "cambio" non é factíbel. Lanzoulles unha chiscadela e quixo pór o "foco" no "infrafinanciamento" municipal para anunciar compromisos coas localidade, como a reforma da lei de financiamento, e recoñeceu o esforzo local para dotar de servizos ás familias.

"Estamos ante as eleccións máis importantes en 42 anos, por iso quero facer un chamamento, un chamamento para mobilizarse polo cambio, a activar toda a nosa forza nos Concellos a favor do cambio para darlle á Galicia unha presidenta coas mans libres", arengou Pontón.

A líder nacionalista incidiu en que o BNG "está a piques de facer historia", mais "non pode confiarse". "Non podemos dar nada por feito, hai que mobilizarse polo cambio, hai que pelexalo e unir no BNG a todos os galegos e galegas que queren un cambio; mobilizarse para que esa minoría siga crecendo e teña no BNG a súa alternativa fronte ao PP, porque a única alternativa real para que haxa cambio é o BNG", salientou.

Financiamento local

Nesta tesitura, Pontón recoñeceu a "desigualdade" que rexe nos Concellos e puxo como exemplo que Madrid recibe do estado 600 euros por habitante mentres que Vigo a metade, con 315 euros. E un Concello galego de menos de 5.000 habitantes, 180 euros por habitante, tres veces menos.

A segunda desigualdade vén "nada menos que do propio goberno do PP, pola repartición caciquil dos fondos". Neste sentido, sinalou que nos últimos 14 anos o PP transferiu aos municipios 5.650 millóns de euros e, só 32% deses recursos, son do fondo de cooperación regulado con criterios obxectivos. É dicir, 68% (3.842 millóns) foron repartidos de forma "clientelar e discrecional" a través de convenios que "van parar maioritariamente a Concellos do PP".

Na apertura do acto, a alcaldesa de Santiago chamou a ser valente nos concellos con políticas "transformadoras", a pesar das reaccións "furibundas" ante as propostas de cambio que fai o BNG. Ademais, chamou a mobilizarse para lograr o cambio fronte á mensaxe de "en marcha" que proclama o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que é unha "marcha atrás", polo propuxo avanzar na Galiza cunha presidenta do BNG.

Comentarios