Pontón afirma que o apoio á ciencia será “chave” no goberno que aspira presidir

A líder nacionalista visitou este sábado a casa na que Rosalía de Castro pasou parte da súa infancia, en Ortoño (Ames), para conmemorar o centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos.

Ana Pontón, acompañada por membros e representantes institucionais do BNG, en Ortoño (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón, acompañada por membros e representantes institucionais do BNG, en Ortoño (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou este sábado a casa na que Rosalía de Castro pasou parte da súa infancia, en Ortoño, Ames (comarca de Santiago) para lembrar o centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos (SEG).

Pontón afirmou ante os medios de comunicación que “un seminario que non nacía por xeración espontánea, senón por ideais, por compromiso, por militancia e por moita xenerosidade”. Neste sentido, quixo recordar “aquel prodixioso big bang nacionalista que foi xerando unha constelación de organizacións que compartían un proxecto común: a grande tarefa da construción nacional da Galiza, a inauguración dun tempo de modernidade, de xustiza, de autogoberno e de orgullo colectivo”.

Para a líder nacionalista, o Seminario de Estudos Galegos tivo un papel fundamental, centrado “na divulgación cultural, a política e a científica”. Por este motivo indicou que “a mellor homenaxe que lle podemos render hoxe é facer realidade os seus proxectos, converter os seus ideais en feitos, que Galiza dea un grande salto adiante, cara á modernidade, cara ao benestar e cara á liberdade”.

A mensaxe, para Pontón, tradúcese “nun avance que só pode ser posíbel impulsando o cambio galego, abrindo unha nova etapa que permita superar 14 anos de gobernos do PP, e iniciando un horizonte de esperanza para construír un país con memoria, que restaure a obra do Seminario”. Neste contexto, anunciou que o BNG levará ao Parlamento galego unha proposta para restaurar o nome orixinario do “Seminario de Estudos Galegos”, solicitar a devolución a Galiza dos bens incautados e que se desenvolva un plan de recuperación dos fondos, coa unificación nun espazo único e o acceso público.

“Desde o BNG queremos recoller ese legado vangardista e científico que representou o Seminario de Estudos Galegos, como inspiración da Galiza que queremos construír liderando o goberno do cambio que cada vez está máis cerca de ser unha realidade”, subliñou. Por esta razón, a portavoz nacional anunciou que “impulsar a ciencia e a innovación será un elemento central dun goberno liderado polo BNG, do goberno do cambio galego que aspiro a presidir”.

Pacto galego pola ciencia

O BNG, a través da súa portavoz nacional, anunciou tamén varias medidas que se incorporarán ao seu programa de goberno. A primeira delas céntrase en definir a carreira investigadora para conseguir eliminar a precariedade da ciencia. A segunda baséase en poñer en marcha un “Pacto galego pola ciencia” con todas a partes implicadas, con todos os axentes que interveñen no ecosistema científico e con recursos suficientes.

Desde o BNG lembran que tras catorce anos de goberno, "o PP deixa Galiza á cola en investimento en ciencia e innovación. Pouco máis do 1% do PIB, por debaixo da media estatal (1,4%); menos da metade que Euskadi (2,3%); e a anos luz do que invisten en ciencia e innovación países como Suecia, Alemaña ou Bélxica".

A última delas consiste na creación do INNOGAL, “unha entidade similar ao Ikerbasque (Euskadi) ou ao Icrea (Catalunya), cuxa principal función sexa captar e reter talento científico”, explicou Pontón. “Galiza ten que converterse nunha referencia científica mais para iso precisa un goberno que aposte pola ciencia como unha ferramenta fundamental de futuro. Ese goberno a favor da ciencia, a favor dos nosos investigadores e investigadoras, é o goberno do cambio galego que aspiro a presidir” declarou.

Comentarios