Suso de Toro publica unha biografía de Ana Pontón

Publicarase en Xerais no mes de outubro. A biografía pivota na voz principal de Ana Pontón, mais tamén recolle achegas do seu ámbito persoal e familiar, así como da súa contorna política, incluíndo reflexións de compañeiros de militancia cos que partilla xeración, ademais de achegas de persoas fóra da primeira fila da política.
O escritor Suso de Toro nun dos parques da súa cidade natal, Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera O escritor Suso de Toro nun dos parques da súa cidade natal, Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)

O escritor e ensaísta Suso de Toro publica este mes de outubro, da man da editorial Xerais, o primeiro libro biográfico da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na que ela é protagonista dun relato no que tamén se reflexionará en paralelo sobre os avatares da formación nacionalista con voces da contorna da dirixente.

A biografía trata a evolución de Ana Pontón (Sarria, 1977) desde os seus inicios políticos en Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, ata que asumiu a portavocía nacional da formación frontista en 2016 nuns momentos moi difíciles para a organización. De aí, o ensaio evoluciona até que o BNG convértese baixo o seu liderado na primeira forza política da oposición nas eleccións de xullo de 2020 e remata nas municipais do 28 de maio.

Con esta biografía, Suso de Toro, Premio estatal de Literatura, regresa ao ensaio político, un xénero no que xa profundou con obras protagonizadas por personalidades como Camilo Nogueira (Camilo Nogueira e outras voces: unha memoria da esquerda nacionalista, 1991) ou o expresidente José Luis Rodríguez Zapatero (Madera de Zapatero: Retrato de un presidente, 2007).

Como nesas dúas obras, Suso de Toro volve empregar o recurso da entrevista para contar quen é Ana Pontón, actualmente líder da primeira forza da oposición e aspirante á Presidencia da Xunta da Galiza nas próximas eleccións galegas.

Conversas

A obra de Suso de Toro parte de longas conversacións coa protagonista para realizar un retrato persoal e político co obxectivo de explicar quen é Ana Pontón, desde a súa infancia na aldea de Chorente, en Sarria.

Tamén explica o ambiente familiar e social no que creceu, os seus primeiros pasos na política da man do movemento estudantil e de Galiza Nova, as súas diferentes etapas como militante, nas que non falta a súa experiencia no Parlamento, e o momento no que accede á Portavocía Nacional na asemblea da Coruña de 2016. O relato finaliza cronoloxicamente na recente campaña das eleccións municipais do 28 de maio.

A biografía pivota na voz principal de Ana Pontón, pero tamén recolle achegas do seu ámbito persoal e familiar, así como da súa contorna política, incluíndo reflexións de compañeiros de militancia cos que comparte xeración, ademais de achegas de persoas fóra da primeira fila política pero que tiveron un papel destacado na historia do BNG nas últimas décadas, como o ex conselleiro de Medio Rural Alfredo Suárez Canal.

En paralelo á biografía de Ana Pontón discorre unha análise dos avatares políticos do BNG ao longo dos últimos anos, partindo das reflexións da propia líder do BNG como testemuña en primeira persona, que aspira agora a disputar a Presidencia da Xunta.

Comentarios