Ana Pontón avoga por blindar os servizos públicos na Galiza

A líder do BNG participou en Ribadeo nun ciclo de conferencias. Nel apostou pola intervención pública en clave galega. 

Ana Pontón esta sexta feira en Ribadeo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón esta sexta feira en Ribadeo (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou onte en Ribadeo nun ciclo de conferencias organizado polo foro Fundación Sargadelos no que explicou a análise que a súa formación fai do actual contexto político, económico e social.

Durante a súa intervención, a líder nacionalista defendeu a intervención dos poderes públicos, sempre en clave galega, e cando esa intervención estea encamiñada a favorecer “os intereses da Galiza, dos galegos e das galegas".

Pontón citou exemplos de intervención pública en contra dos intereses da maioría social, como o da Goberno do PP na Galiza "debilitando o sistema público de saúde para beneficiar o negocio privado" ou a decisión de privatizar a AP-9 e de prorrogar a concesión até 75 anos.

Neste sentido, defendeu que a política económica e industrial que se impulsa desde a intervención pública no país debe favorecer o desenvolvemento dos sectores produtivos e “combater combater a desigualdade e a exclusión social”. 

A portavoz do Bloque indicou que o neoliberalismo "deixou constancia da súa absoluta incapacidade para dar resposta aos desafíos que a pandemia trouxo consigo ao darlle prioridade “ao lucro privado sobre a saúde pública”. 

Crise e boom eólico

Pontón indicou que o paro descende na Galiza a un ritmo tres veces inferior á media estatal. "De crise industrial tamén sabedes moito na Mariña, con Alcoa como máximo exemplo”, lembrou. Neste contexto criticou a suba dos tipos de interese, "que beneficia unha banca que non devolveu o rescate de 90.000 millóns de euros".

Por último, a líder do BNG denunciou na súa intervención que "o bipartidismo veta a tarifa eléctrica galega, e estamos en pleno boom eólico depredador que coloca a riqueza natural do País non ao servizo do País, senón do lobby eléctrico”.

Comentarios