Ana Pontón salienta o potencial galego do turismo de natureza sustentábel

A líder nacionalista visita unha iniciativa de turismo sustentábel en Teo e critica ao PP por "boicotear" a riqueza paisaxística.
Ana Pontón e Pilar López, xerente de Moradas do Ulla (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón e Pilar López, xerente de Moradas do Ulla (Foto: Nós Diario).

Horas antes da inauguración da Feira Internacional de Turismo (Fitur) en Madrid, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo en valor a importancia de potenciar proxectos de turismo sustentábeis que teñan en conta a riqueza natural da Galiza no medio rural, tanto na costa como no interior.

Como exemplo, visitou un deles, Moradas do Ulla, no municipio de Teo, coa intención de coñecer de primeira man esta iniciativa turística singular. 

“Nunha semana na que arranca Fitur é importante destacar que Galiza ten un patrimonio natural extraordinario, unha riqueza paisaxística enorme que debe ser aproveitada para medrar no sector turístico porque é unha grande oportunidade económica e social”, explicou Pontón desde Teo, “sobre todo agora que, tras a pandemia, hai un cambio na demanda turística cara destinos sen masificación, unha demanda que quere natureza”, engadiu. 

Estas iniciativas, asegura a líder nacionalista, xeran unha “sinerxía moi positiva na contorna” porque atraen visitantes que durante a súa estancia “consumen na hostalería local, no comercio local e enchen o deposito do coche na gasolineira dos concellos limítrofes” polo que “irradian dinamismo económico e social”. 

Patrimonio natural ameazado

Para Pontón, a Galiza ten un patrimonio natural que permite este tipo de turismo, mais "lonxe de contar co apoio do Goberno da Xunta, parece que o PP traballa na dirección contraria, cando toma decisións que ameazan a nosa riqueza paisaxística”, denunciou.

Neste sentido, puxo como exemplo ser “cómplice do boom eólico depredador, pondo en risco un rico patrimonio natural” e, polo tanto, “pondo en risco un tipo de turismo que está en auxe e que é unha oportunidade para darlle futuro ao rural”. Pola contra, destacou, “o BNG aposta por un turismo sustentábel, respectuoso co medio ambiente e que sirva de motor económico e social do medio rural”.

Comentarios