Ana Pontón defende "blindar" por lei o financiamento sanitario

O BNG instan a Xunta a cumprir coas recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) e propón un plan de choque de 200 millóns de euros. 
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).

Tras analizar a situación da sanidade pública, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou onte que a prioridade da formación nacionalista neste 2023 será defender a cidadanía “ante un Goberno do Partido Popular convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas” e que, por riba, “intenta culpabilizar as persoas usuarias do sistema público de saúde”. 

A líder do BNG foi moi crítica co PP, rexeitando que digan nas súas declaracións “que non hai problemas nas urxencias cando estamos cansos e cansas de ver corredores dos hospitais e salas de espera colapsadas coas persoas doentes agardando a ser atendidas ou a que se lles asigne unha cama, nunha imaxe terceiromundista, impropia dunha sociedade avanzada que ten que ofrecer uns servizos públicos de calidade”. 

Pontón avanzou que nesa defensa do sistema público de saúde, o BNG vai propor no Parlamento galego blindar por lei o financiamento da Atención Primaria até acadar as cifras recomendadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Igualmente, propón reverter os recortes empezando cun plan de choque de 200 millóns de euros; a transferencia e planificación da formación MIR; e a ampliación da carteira de servizos con novas especialidades como a de psicoloxía clínica, “tendo en conta que un 30% das consultas habituais teñen que ver coa saúde mental”. 

"Trece anos de recortes"

A portavoz nacionalista sinalou que a situación da sanidade está provocada por “trece anos de recortes do PP para favorecer o negocio privado, de feito, só en Atención Primaria hai unha caída acumulada do investimento de 2.300 millóns de euros”.

Por este motivo afirma que apoiará todas as mobilizacións que convoque a cidadanía en calquera punto do país, como a prevista para esta quinta feira en Burela ou a organizada pola plataforma SOS Sanidade para o 12 de febreiro.

Comentarios