Pontón urxe un Debate sobre o estado da nación: "O Goberno galego non ten proxecto de futuro"

"Galiza necesita un cambio de rumbo urxente ante un Goberno do PP instalado na rutina, sen pulso político, sen proxecto, insolidario coa maioría social e incapaz de defender os intereses do país", defende a líder do BNG.
Ana Pontón, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, esta segunda feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou esta segunda feira "con urxencia" ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que convoque o Debate do Estado da Nación ao considerar que o Goberno galego non ten "proxecto de futuro" ante a crise inflacionista e a "deterioración dos servizos públicos".

Nunha rolda de prensa, a líder da oposición da Galiza mencionou como motivos para pedir a convocatoria do debate de política xeral —o último foi en outubro de 2021, aínda con Alberto Núñez Feixoo na Xunta— a situación "sobre todo" na sanidade, na industria e no "precarizado" mercado de traballo.

Neste contexto, Ana Pontón ve o PP "instalado na rutina, sen pulso nin impulso político e sen ofrecer un proxecto de futuro para este país", polo que reclama "un debate en profundidade que permita cambiar o rumbo e pór en marcha medidas" para solucionalo.

"Rematou o ano cunha inflación acumulada de 6,4%, máis dun punto por riba da media estatal, pese a que temos salarios por debaixo e as segundas pensións máis baixas; no referente ao mercado laboral, o paro baixou tres veces menos que no Estado e temos menos xente traballando que en 2009, ao que se engade a emigración de 200.000 mozos e mozas nos últimos anos", alertou a líder nacionalista.

Ao empeoramento destes e doutros datos económicos, como a caída de 5,4 puntos do índice de produción industrial mentres no Estado medrou 2,2%, sumou a "deterioración dos servizos públicos", en especial na sanidade, "cunha atención primaria colapsada".

"Temos un sistema de coidados das persoas maiores que non fixo máis que avanzar na privatización mantendo un modelo que fai negocio coa vellez; non hai medidas eficaces para frear a emigración de xente moza; continúa o despoboamento do rural sen ningunha medida real para paliar esta situación", precisou a portavoz nacional do Bloque.

O Goberno de Alfonso Rueda, lamentou, é "incapaz de defender o país, nin ante Madrid, nin ante Bruxelas". "E aí está o fiasco dos fondos Next Generation, dos que Galiza non logrou financiamento para ningún proxecto estratéxico", engadiu.

"Todo isto motiva que lle solicitemos ao señor Rueda a convocatoria inmediata do debate do estado da nación porque Galiza necesita un cambio de rumbo urxente ante un Goberno do PP instalado na rutina, sen pulso político, sen proxecto, insolidario coa maioría social e incapaz de defender os intereses do país. O BNG ten alternativas para sacar Galiza adiante, concluíu Pontón.

Condena da violencia

A líder da oposición iniciou a súa intervención ante os medios cunha enérxica condena dos catro asasinatos de mulleres nas últimas 24 horas a mans de homes: "É unha situación que nos horroriza, non podemos baixar a garda e máis que nunca temos que combater os discursos negacionistas. E tampouco podemos escatimar en medios para loitar contra o terrorismo machista, necesítanse máis orzamentos, máis recursos e máis educación en igualdade", dixo.

E tamén quixo referirse aos recentes ataques aos alcaldes da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, e Vilanova, Gonzalo Durán: "Non teñen ningunha xustificación estes actos de violencia contra ninguén, nin contra a cidadanía,  nin  moito menos contra os seus representantes electos".

Comentarios