Pontón destaca a xestión de residuos como demostración da capacidade do BNG para gobernar

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, resalta as municipais como unha "oportunidade" para "ampliar e asentar" o proxecto nacionalista.
Ana Pontón, durante as xornadas de formación do BNG decorridas este sábado en Ames (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón, durante as xornadas de formación do BNG decorridas este sábado en Ames (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este sábado, 14 de xaneiro, os próximos comicios municipais como "unha oportunidade" para "ampliar e asentar" o proxecto nacionalista.

"Para conseguilo é necesario facer os deberes e facelos ben, con previsión e con organización, con xenerosidade e con amplitude de mira. As municipais son unha magnífica oportunidade para agrandar a base social do BNG, incrementar a nosa presenza no territorio, integrar persoas e colectivos para seguir construíndo, con intelixencia e con humildade, a gran casa común do amor á Galiza e da defensa dos seus intereses que é o BNG", argumentou Pontón.

Nunha xornada con representantes municipais sobre propostas en relación ao cambio climático e á xestión de residuos, a portavoz do Bloque puxo en valor que as eleccións de maio son as primeiras dun ciclo electoral "de longo percorrido", polo que a formación nacionalista debe traballar para "agrandar" a súa base social e electoral.

Para Pontón, o BNG "sabe gobernar" e desde os Concellos demostra "a eficacia, a solvencia e a capacidade para mellorar a vida das persoas". "Ese é o mellor aval co que podemos presentarnos ante a cidadanía nas eleccións municipais", defendeu.

Por iso, sostivo que o próximo 28 de maio sairán "a por todas" e "sen poñerse límites" porque, proclamou, serán a forza política "que máis suba" e que aumentará "máis Alcaldías, máis concelleiros e máis concelleiras".

Por outra parte, Ana Pontón tamén fixo referencia á situación actual dos prezos e, neste sentido, criticou que a Xunta sexa "insensíbel aos problemas da xente do común" e estea "instalada na rutina, sen proxecto e sen impulso político, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar a Galiza adiante".

Deste modo, comprometeu que o BNG "seguirá presentando alternativas viábeis" para unha saída "galega e xusta á crise", con medidas como a recuperación da tarxeta básica, a tarifa eléctrica galega ou propostas para facerlle fronte ao incremento de prezos do alugueiro e das hipotecas.

"Somos conscientes das dificultades e dos grandes desafíos, mais nunca como agora tivemos tan claro que o noso país necesita un cambio de rumbo. Desde o BNG imos seguir traballando con rigor, con coherencia, con humildade, sabendo que somos a esperanza de moitos galegos para construír esoutra Galiza posíbel, concello a concello", insistiu.

Dous modelos de xestión de residuos

Por outra parte, nesta xornada de traballo, celebrada en Ames, e á que acudiron un centenar de cargos municipais do seu partido, Pontón defendeu que o BNG ten unha proposta alternativa de Goberno que se observa nunha cuestión como a xestión dos residuos e a loita contra o cambio climático.

Neste sentido, reivindicou o modelo de compostaxe individual e colectivo que permite reciclar "unha parte cada vez maior dos residuos orgánicos". Un modelo que, asegurou, está "nas antípodas do que executa o PP desde a Xunta da man de Sogama".

"Nos últimos doce anos, o único que fixo o Executivo do PP e Sogama foi incumprir o seu propio plan de residuos e a práctica totalidade da normativa en vigor. Resultado: non se avanzou na separación, non se avanzou na compostaxe e, por encima, obstaculizan as iniciativas que executan os Concellos do BNG que traballan nun modelo alternativo e de futuro", criticou.

Así, insistiu en que o modelo do BNG ten como base "minimizar, separar e reciclar" e puxo como exemplo o posto en marcha en 2015 polos nacionalistas na Deputación de Pontevedra baixo o nome de 'Plan Revitaliza'.

A esta iniciativa, continuou, adheríronse "47 Concellos dos 61" que pertencen ao eido da Deputación de Pontevedra, que contan "cunha eficacia no tratamento de residuos única no Estado". "O nivel medio de separación de residuos é de 30%, case tres veces máis que a media galega de 11%", explicou.

Comentarios