Pontón cualifica de "novo parche" colocar médicos residentes nos PAC

A líder nacionalista visitou varias obras en Muras que o Concello realizou no Centro de Saúde e unha escola.
Manuel Requeixo, á esquerda, e Ana Pontón visitaron a escola (Foto: Nós Diario).
photo_camera Manuel Requeixo, á esquerda, e Ana Pontón visitaron a escola (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou na mañá de desta quinta feira o concello de Muras coa idea de significar as súas propostas en defensa dos servizos públicos desde os gobernos locais que lidera. Pola tarde, ademais, participou na manifestación convocada en Burela en defensa da sanidade pública.

“Levamos trece anos de recortes, privatizacións, con precariedade no persoal médico e colocando á sanidade pública na situación límite que ten neste momento”, denunciou Pontón, en relación a que o PP que “en vez de pór en marcha” un cambio “vai de ocorrencia en ocorrencia e poñendo parches sen entrar no fondo do problema”. 

A líder nacionalista alega que “nas últimas semanas pasamos do anuncio dos PAC sen médicas e médicos ao anuncio de agora de que persoal que non acabou a súa formación atenda nas urxencias de atención primaria dos PAC”.

Por este motivo, Pontón asegurou que “no BNG imos seguir defendendo a sanidade pública" ao ser "unha das grandes conquistas sociais e non imos permitir que haxa nin un só paso atrás”. 

 Pontón insistiu en que “hai alternativa” para “darlle a volta a situación de colapso de atención primaria” e propuxo “un plan de choque de 200 millóns de euros, dotar os centros de saúde de novas especialidades, como psicoloxía, e un plan ambicioso e con investimentos para reducir as listas de espera”. 

Investimentos en Muras

Precisamente na súa visita a Muras, Pontón coñeceu da man do alcalde, Manuel Requeixo, os investimentos realizados polo goberno local do BNG para mellorar os servizos que se lle prestan á veciñanza, tanto en materia de sanidade como en educación.

En concreto, 260.000 euros na rehabilitación e posta a punto do centro de saúde, -cuxo edificio é de titularidade municipal- que evita que se desprace a veciñanza até Vilalba, e visitou tamén o centro educativo Antía Cal, no que tamén se van acometer obras de reparación por parte do goberno municipal.

Comentarios