18-F

Pontón augura que o 18 de febreiro "comezará a primavera na Galiza"

A nacionalista visitou a súa casa familiar en Chorente
Lores, Pontón, Bará e Gómez, esta sexta feira, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lores, Pontón, Bará e Gómez, esta sexta feira, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, pediu aos galegos e ás galegas que escollan a papeleta da forza nacionalista o próximo 18 de febreiro "para iniciar un novo ciclo político que permita mellorar a vida da xente”.

Nun mitin decorrido en Pontevedra, no que tamén participou o cabeza de lista nesta circunscrición, Luís Bará, Pontón apelou a unha mobilización masiva que permita pór en marcha “o mellor Goberno de todos os tempos” concentrando o voto do cambio no BNG porque, recalcou, "é a alternativa real para achegar solucións e deixar atrás o nefasto legado que deixa o PP.  

"Hoxe  tivemos o primeiro debate electoral e Rueda non estaba, Rueda o ausente. E sabedes por que o candidato do PP non quere debater comigo?", preguntou ironicamente na súa intervención para indicar a continuación que a súa ausencia explícase "porque deixa unha xestión nefasta e porque deixa unha Galiza peor da que encontrou. E tampouco ten un proxecto ilusionante que ofrecerlle aos galegos e ás galegas. A súa espantada é o recoñecemento do seu fracaso”, afirmou.

Pontón sinalou que Galiza merece unha presidenta "que lle diga a verdade, non un Goberno que lle minta" xa que todos e todas "sabemos que o Partido Popular ten unha relación moi difícil coa verdade, incluído o seu candidato, o señor Rueda".

Ademais, a candidata nacionalista incidiu en que estas son as eleccións máis abertas dos últimos tempos, uns comicios aos que o BNG concorre cun proxecto para “mellorar a vida das persoas” e cunha muller como candidata á Presidencia para “facer historia”, despois de máis de 40 anos nos que Galiza contou con seis presidentes, todos homes e de forzas estatais.

Previamente, pola mañá, no que foi o primeiro día de campaña para as eleccións galegas do 18 de febreiro, Pontón acudiu á súa casa familiar de Chorente, en Sarria (comarca homónima), para recoller a "aprendizaxe" que cultivou na cociña familiar.

Comentarios