Pontón acusa Feijóo de competir con C´s para ver “quen aplica a normativa máis anti-galego” 

​A aspirante nacionalista reclama “o dereito a vivir en galego” e anuncia que derrogará a partir do 25S o decreto que impide ensinar materias na lingua propia do país.

Pontón durante o acto nos Xardíns de Méndez Núñez (Foto: BNG)
photo_camera Pontón durante o acto nos Xardíns de Méndez Núñez (Foto: BNG)

Ana Pontón celebrou este domingo de campaña, a sete días dos comicios galegos, un acto para reivindicar a importancia do idioma e reclamar “o dereito a vivir en galego” ante ducias de familias nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña. A candidata do BNG á Xunta criticou as políticas dos últimos sete anos do goberno do PP, acusando Feijóo de competir con Ciudadanos para ver “quen aplica a normativa máis anti-galego”.

Pontón referiuse a última medida do Executivo popular, que pretende regular por decreto a atención cidadá no sector público autonómico para que queixas e suxestións sexan contestadas en castelán cando se presenten nese idioma. “É triste que Núñez Feijóo se queira despedir da Presidencia da Xunta de Galiza cun novo paso atrás”, dixo a aspirante nacionalista, que chamou a acabar “con estas políticas que converteron a lingua galega en estranxeira na súa propia terra”.

Pontón propuxo que a segunda canle da televisión pública galega sexa un espazo para o público infantil e xuvenil.

A candidata do BNG anunciou que reverterá “os pasos atrás que durante sete anos deu o presidente Núñez Feijóo” coa derrogación do decreto que impide ensinar materias na lingua propia do país, así como todas as normativas anti-galego. Propuxo que a segunda canle da televisión pública galega sexa un espazo para o público infantil e xuvenil con programación en galego, recordando que ella foi unha “adolescente da Xeración Xabarín”.

Apostou, nese sentido, por aplicar o Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade, pero obxecto de numerosos incumprimentos. “Queremos que a partir do 25 de setembro abramos un tempo novo para a lingua galega, onde teñamos un Goberno que tenda a man ao desenvolvemento pleno do noso idioma e non peche os ollos ante as discriminacións diarias que se producen en Galiza por utilizala, pois o mellor legado que podemos deixar para o futuro é que as xeracións que veñen detrás nosa coñezan, soñen, falen e amen en galego”, salientou Pontón.

Pediu tamén reforzar a proxección internacional da lingua galega, en particular, as relacións internacionais coa cultura portuguesa, e promover a formación artística para garantir a produción cultural no país.

Comentarios