Pontevedra declara Rajoy 'non grato' por prorrogar Ence na Ría até 2073

O pleno tivo que se suspender por dúas ocasións por mor dos apupos e amezas dalgúns dos asistentes contra ios promotores da moción.

pleno pontevedra rajoy
photo_camera Momento do pleno, que decorreu no Teatro Principal

Mariano Rajoy é persoa 'non grata' na cidade onde pasou gran parte da súa infancia e mocidade, á que volta en vacacións, e á que sempre se refire cando se ten que definir dalgún sitio. O pleno do Concello de Pontevedra aprobou por maioría absoluta, cos votos de BNG, PSOE e Marea, declarar o presidente en funcións 'persoa non grata'. A aprobación por un goberno en funcións presidido por el dunha prórroga a Ence até 2073 foi o motivo de que Rajoy pase ser 'non grato' na que el considera a súa cidade. Os representantes do PP no Pleno optaron por marchar momentos antes da votación, dicindo que non estaban dispostos a participar no que cualificaban de “farsa”. Mais antes aproveitaron a súa quenda de intervención para por boca do seu voceiro, Jacobo Moreira,criticar a nacionalistas, socialistas e Marea, responsabilizándoos de avergoñar Pontevedra.

Foi un pleno tenso, que obrigou o alcalde, Fernández Lores, a suspendelo temporalente en dúas ocasións por mor do apupos e insultos de parte do público cando ían intervir os voceiros socialista e da Marea (impulsores da moción). Lores pediu “respeto” aos asistentes que ateigaban o Teatro Principal e lembrou que alí estaban persoas “elixidos polos pontevedreses, é un pleno soberano”.

Entre o público, altos cargos e militantes do PP e traballadores de ENCE, que rexeitaban a moción que se levaba a pleno. Tamén membros da Plataforma en defensa da Ría ou de sectores produtivos e colectivas ambientalistas, defendendo que Rajoy fose declarado 'non grato' por prorrogar Ence.

Comentarios