Política Social di que "renovará" o CAPD Souto de Leixa de Ferrol

As familias interpuxeron unha denuncia perante a Fiscalía de área.
CAD Souto de Leixa, en Ferrol. (Foto: Google)
photo_camera CAD Souto de Leixa, en Ferrol. (Foto: Google)

As queixas de familias de persoas usuarias afectadas pola situación do centro terapéutico ocupacional público CAPD Souto de Leixa, en Ferrol, chegaron esta cuarta feira ao Parlamento a través dunha pregunta do BNG. O deputado nacionalista Ramón Fernández Alfonzo avisou do "mal estado" e das queixas das familias sobre o "frío" e a "fame" neste centro para persoas con discapacidade.

"As queixas das familias das persoas residentes, e mesmo de cadro de persoal, veñen sendo continuas desde o inicio da xestión privada do centro. As máis recorrentes son o deterioro das instalacións, o insuficiente persoal para atender as persoas residentes, a falta de formación, as malas condicións de traballo, e deficiencias graves das condicións básicas propias do servizo da residencia, da atención sanitaria, psicosocial, etc", indica a formación nacionalista. En resposta a isto, a conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou que o centro será "completamente renovado".

Pola súa parte, a Xunta da Galiza, a través dun comunicado de prensa, informa de que licitou "xa" as obras para unha "completa reforma" deste centro público de atención á discapacidade, para as que destina un orzamento de 1,2 millóns de euros.

Fiscalía

Familiares do CAPD Souto de Leixa informaban a semana pasada que denunciaran na Fiscalía a falta de recursos e presuntos casos de "malos tratos" e "discriminación", cuestión da que se fixo eco este xornal. Unha denuncia, porén, que non partilla parte do persoal deste centro ferrolán, que destaca o "bo labor" desenvolvido "día a día".

Comentarios