O BNG levará ao Parlamento a denuncia na Fiscalía de familiares do CAPD Souto de Leixa de Ferrol

"A noticia desta denuncia non pode coller por sorpresa á Xunta da Galiza, despois das múltiples queixas recibidas polo funcionamento deste centro", afirman desde a formación nacionalista. Persoal do centro, porén, nega en rotundo as acusacións vertidas na denuncia: "Somos profesionais que nos deixamos a pel día tras día para axudar, acompañar e realizar as actividades básicas da vida diaria das persoas usuarias".
CAD Souto de Leixa, en Ferrol. (Foto: Google)
photo_camera CAD Souto de Leixa, en Ferrol. (Foto: Google)

O CAPD Souto de Leixa de Ferrol volverá copar a atención do Parlamento galego no vindeiro pleno. Logo de que un grupo de familiares de persoas usuarias deste centro ocupacional para persoas con discapacidade presentase unha denuncia diante da Fiscalía de área—da que se fixo eco Nós Diario— na que sinalaban unha serie de feitos que ao seu xuízo poderían ser "constitutivos de delito, tanto leves como graves", esta sexta feira o BNG anunciou a súa intención de tratar este tema, de novo, na Cámara.

"A noticia desta denuncia non pode coller por sorpresa á Xunta da Galiza, despois das múltiples queixas recibidas polo funcionamento deste centro, tanto desde este colectivo de familiares como desde a representación legal do persoal que traballa no centro", apuntan desde a formación nacionalista.

O deputado Mon Fernández pedirá a Fabiola García, conselleira de Política Social —responsábel en última instancia deste centro de xestión privada, en mans do xigante Clece—, unha "valoración" da denuncia interposta perante a Fiscalía e preguntará que pasos ten previsto dar a Xunta ao respecto. "Entendemos que estes feitos deberan forzar a actuar dunha vez por todas á Consellaría, aínda que tendo  presente o veto do Partido Popular a que o Consello de contas fiscalizase o funcionamento deste centro, non dá para ser optimista", sosteñen desde o Bloque.

Xa o pasado mes de febreiro o propio Mon Fernández falara ante o pleno do Parlamento das "reiteradas queixas" que facían chegar as familias, por cuestións como as citadas na denuncia, como que algúns usuarios "pasaban frío ou fame" ou alertando do "descontrol coa medicación".

Persoal do centro négao: "Tratamos a todos e todas por igual, desde o respecto, humanidade e profesionalidade"

No extremo oposto, persoal coidador e de enfermaría do centro ocupacional Souto de Leixa nega en rotundo as "graves acusacións" recollidas na denuncia trasladada á Fiscalía. O escrito relataba unha serie de feitos que, a xuízo das familias, poderían considerarse "constitutivos de delitos tanto graves como leves", se ben destacaban tamén o "bo labor" que "moitos dos profesionais" realizan día a día no centro.

Porén, diante de todas esas acusacións, coidadores e coidadoras e mais persoal de enfermaría do Souto de Leixa sinalan a Nós Diario que se senten "doídas e ofendidas con estas falsas declaracións". "Somos profesionais que nos deixamos a pel día tras día para axudar, acompañar e realizar as actividades básicas da vida diaria das persoas usuarias, desde que se erguen até a vixilia do seu sono".

Na mesma liña, engaden: "Tratamos a todos e todas por igual, desde o respecto, humanidade e profesionalidade". Así, solicitan unha "rectificación e aclaración" sobre os feitos narrados, pois sempre, reiteran, traballan neste centro ocupacional "en pro do usuario ou usuaria".

Comentarios