A política exterior da Xunta fuxirá do modelo de Catalunya

Na presentación do proxecto de lei da acción exterior e cooperación para a Galiza, o presidente Núñez Feixoo destacou que conta co beneplácito do Ministerio de Asuntos Exteriores español.

EuropaPress_3372730_alberto_nunez_feijoo_preside_reunion_constitutiva_comision_galicia_next
photo_camera O Goberno galego remitiu o proxecto de lei ao Parlamento, onde xa se tramita (David Cabezón / Xunta da Galiza)

O Goberno galego remitiu recentemente o proxecto de lei da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento da Galiza, unha das normativas pendentes da pasada lexislatura que o Executivo que preside Alberto Núñez Feixoo retomou co inicio deste mandato e xa se tramita no Parlamento nacional.

Este proxecto normativo supuxo certa confrontación co Ministerio de Exteriores nos trámites previos, en que se sumaron algunhas das precisións que realizou a Administración do Estado. De feito, houbo negociacións técnicas e políticas para evitar calquera posibilidade de recurso ante o Tribunal Constitucional, como aconteceu coa normativa catalá que acabou suspendida cautelarmente.

En días pasados, o presidente da Xunta comunicou que, de novo, o seu Goberno deu luz verde a este proxecto lexislativo. Deste modo, a Galiza será a segunda Comunidade Autónoma do Estado en contar cunha lexislación deste tipo despois de Catalunya, o que dotará a esta "nacionalidade histórica" ─como recolle o propio proxecto normativo─ de ferramentas para desenvolver a acción exterior e fomentar a proxección da "imaxe" da Galiza na Unión Europea e no resto do mundo.

"Friccións"

Na súa intervención pública para presentar a proposta normativa, Feixoo destacou que este proxecto lexislativo conta co beneplácito do Ministerio de Asuntos Exteriores, coa maioría de competencias exclusivas na acción diplomática, mais esta "validez", que destacou o mandatario, prodúcese nun contexto en que o propio informe de antecedentes remitido pola Xunta ao Parlamento da Galiza fala de "friccións" entre ambas as administracións, que foron negociadas politicamente antes de fechar un texto.

Un dos encargados desta negociación foi o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, quen confirmou as negociacións que frutificaron nun texto que foi presentado ao Parlamento co aval do actual Executivo do Estado, segundo informa Europa Press.

Da análise dos antecedentes e informes que acompañan á lei, remitidos xunto ao proxecto normativo á Cámara, despréndese que a maioría das alegacións presentadas polo Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación (Maeuec) foron incorporadas, porque eran de "sistemática e estilo".

Con todo, o Ministerio pretendía insistir ao longo da normativa galega en incluír alusións ao marco estatal ─a lei 2/2014, do 25 de marzo, de acción e servizo exterior do Estado─, algo que non foi atendido: "non foi asumido porque é innecesario (ao ser de obrigado cumprimento, non porque se cite) e porque a súa "excesiva reiteración nominativa xera a falsa impresión de que a lei autonómica é unha lei menor, case de rango regulamentario, co que leva consigo de imaxe".

Desta maneira, o Goberno galego non aceptou reiterar unhas alusións que, como explicou Gamallo, suporían unha minusvaloración da normativa galega e sería difícil, mesmo, de ler. "Xa se sabe que a lei estatal", engadiu, é de "obrigado" cumprimento.

Defensa de dereitos e promoción cultural

O proxecto de lei ten, entre os seus obxectivos, a "defensa dos dereitos, liberdades e lexítimos intereses da cidadanía galega no exterior", a promoción da cultura e lingua galegas e a promoción da imaxe da Galiza.

"Onde se presentaron maiores fricciones" é no ámbito da comunicación de viaxes e recepcións, apunta o documento remitido ao Parlamento. Respecto diso, o ministerio sinala que "quedaron nun limbo" as viaxes dalgúns dos suxeitos da acción exterior galega, en referencia a entidades como poden ser as institucións universitarias ou locais.

A normativa que se debaterá agora no Hórreo tamén dá rango legal ás delegacións da Xunta fóra da Galiza e formaliza as actividades da Fundación Galiza Europa, que funciona como órgano de representación do país e nun momento en que a captación de fondos europeos é un dos asuntos máis relevantes na axenda nacional. Actualmente, só hai dúas delegacións creadas, na Arxentina e no Uruguai, cun único representante para ambos os dous países.

Comentarios