Opinión

Galicia precisa da política exterior

Galicia é sinónimo de calidade  internacional en varios produtos e servizos. Por outra banda, conta cunha lingua e cultura propia que a abeira aos mundos lusófono e hispano e unha posición xeopolítica envexábel para o seu desenvolvemento como hub portuario entre Panamá e Europa. Mais só achegamos o 5,23% do PIB e o 5,5% da poboación española. Quere isto dicir que as nosas necesidades de promoción exterior, tanto no empresarial canto no cultural, son irrelevantes para España.

Por outra banda, contamos cunha mesta rede de Centros galegos, hoxe en aberta crise moitos deles, pola lóxica nova mentalidade dos galegos de segunda e terceira xeración. Nalgúns países, como Catalunya, Uruguay ou Argentina, a colonia galega mantén unha grande vitalidade e foi quén de xerar unha auténtica identidade compartida. Para máis, os galegos no mundo tenden estar ben recoñecidos polo seu traballo e polo seu carácter emprendedor.

Rajoy pasou aquí tamén a máquina recentralizadora, impoñendo unha lei de acción exterior (2014) que prohibe que os Gobernos autonòmicos asuman compromisos internacionais vinculantes, agás expresa previsión nun tratado internacional. Esta lei mesmo lle atribúe ao Estado o dereito de informar previamente a apertura de oficinas exteriores autonómicas.

As nosas necesidades de promoción exterior, tanto no empresarial canto no cultural, son irrelevantes para España

Mais o certo é que excusamos culpar só a esa lei estatal, porque a Xunta de Feijóo nunca quixo desenvolver unha acción exterior digna de tal nome. Máis aínda, a acción exterior no organigrama da Xunta mistúrase inconvenientemente con cuestións de política interna, como son as relacións coa Unión Europea, por certo tamén esquecidas, coa Fundación Galicia-Europa aguníando. Canto á presenza propiamente exterior, caracterízase pola súa fragmentariedade, descoordinación e absoluta sumisión ás directrices da diplomacia española. Como ten opinado o noso mellor experto neste eido, Xulio Ríos, o Goberno de Feijóo desenvolveu un proceso de demolición da acción exterior galega.

Así non podemos seguer. A Recesión e a globalización multiplicaron a necesidade de sermos e estarmos no mundo. Porque só nos estimarán, só mercarán os nosos produtos e servizos e só confiarán nosa se nos coñecen. Velaí que as graves resultas da falla dunha política exterior galega vaian directas, tamén, ao noso peto.

Comentarios