MANUEL MONGE / ESCRITOR

“Os poderes fácticos da Coruña decidiron que Negreira era o seu home”

Falamos con Manuel Monge, autor dunha triloxía sobre A Coruña.

mongeII-crop
photo_camera Manuel Monge

Ex-concelleiro do BNG e antigo presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, Manuel Monge -colaborador de Sermos Galiza- é un investigador incansábel que vén de publicar 'O Poder na Coruña. De Vázquez a Negreira' (Laiovento) libro que pecha a triloxía que abriu en 2003 con 'A Coruña de Paco Vázquez' e continuou en 2007 con 'Outra Coruña é posíbel', todos eles de fonda carga crítica cos poderes da cidade, especialmente os do vazquismo, cuxa continuidade atopa no PP actual.  

Con esta triloxía, convértese vostede no historiador moderno da Coruña, se pode existir tal cousa. 

Estas cousas teñen que quedar en papel, senón perdemos a memoria e se cadra dentro dun anos poden facer pasar a Paco Vázquez por un ecoloxista por Nostián cando el foi responsábel do desastre de Bens. Eu fago o esforzo de recompilar para que fique aí, en libros válidos como material de consulta, para a cidadanía en xeral ou para traballadores dos medios, que sei que os utilizan.   

En concreto, de que fala o novo: 'O Poder na Coruña'?

Neste trato de facer balance dos últimos oito anos, co Goberno bipartito primeiro e o de Negreira despois. No caso do de PSOE e BNG comezo reproducindo o seu pacto, que consta só dun folio e medio e iso explica o que pasou despois. Cando se fai unha coligazón para gobernar, e máis co PSOE, hai que facer unha cousa detallada, pero aquí se despachou isto dun xeito moi breve e a interpretación pois podía ser calquera. E non se aplicou o que entendía o BNG como programa en Urbanismo, Memoria Histórica ou Lingua. Si se abriron nesa lexislatura espazos de participación ou houbo outro talante, moito mellor, pero non se puido afondar nese camiño. Mais en Cultura, Mocidade ou Rehabilitación déronse resultados espectaculares. En Cultura o BNG estivo tan ben que cando chega o PP, a nova concelleira fala das festas e di que tiñan un problema: “Que son demasiado gallegas”. En Sevilla alguén comenta iso da Feria de Abril dicindo que é “demasiado andaluza” e ten que marchar da cidade, aquí, polo contrario, hai quen acepta estas bobadas.

E chega Negreira. 

En 2011 os mesmos poderes que puxeran a Paco Vázquez  chegaron á conclusión de que era necesario un cambio lampedusiano: “Que algo cambie para que todo siga igual”. E os poderes fácticos da Coruña decidiron que o seu home ía ser Negreira, o actual alcalde.  

Quen son eses poderes da cidade?

Sábese con só mirar como eran as campañas de Paco Vázquez, que remataban sempre o último día cunha reunión cos empresarios, que daban o visto bo. E Negreira segue o mesmo proceso. Hai unhas declaracións do construtor Fontenla -presidente dos empresarios da Coruña- que di de Negreira que é “unha persoa coa que nos entendemos ben, case non necesitamos falar”. A conexión poder económico e político queda así bastante clara. 

E o antano todopoderoso José Luis Méndez, o señor de Caixa Galicia?

Méndez xogou un papel importante no seu tempo. Por iso nunca houbo unha crítica desde o concello á desfeita que cometeu e que rematou na coñecida desaparición das caixas. Na Coruña os desastres urbanísticos da etapa anterior aínda se están pagando desde o concello, como no caso de Someso ou do edificio Fenosa. Pero o Goberno local non quere investigar para esixir responsabilidades. O BNG pediullo nun Pleno un luns e o PP negouse. Poucos cinco días despois Negreira estaba comendo en Coristanco con Paco Vázquez e Romay Beccaría. Representativo.

O bipartidismo que tanto se critica agora, na Coruña leva anos en activo, non?

Aquí houbo un homenaxe conxunto nos anos 80 ao alcalde do PSOE e ao líder da oposición do PP, Vázquez e Dopeso, un caso único no Estado. Para entender os bos resultados do PP en 2011 hai que pensar que o PSOE lle fixo o traballo durante anos. 

Que balance fai da lexislatura do PP que remata agora?

Malo. Entre os seus moitos defectos, un pode ser o escurantismo, respecto á cidadanía pero tamén respecto a Grupos municipais como o do BNG, que até tivo que recorrer ao xulgado, que lle dou a razón en canto a que se estaban incumprindo o seu dereito a dispor información. Outra característica desta etapa é o dispendio económico. E despois, claro, Negreira non cumpre as promesas. E ademais mantén simboloxía franquista. O libro acaba cun programa de mínimos que creo que poderían asinar todas as forzas que non son o PP para facer outro Goberno. 

Comentarios