Podemos rexistra o partido Unidos Podemos sen o coñecemento dos seus socios

Pablo Iglesias resta importancia ao trámite realizado polos avogados e e argumenta que se fixo para evitar “que ningún estraño rexistre as siglas”.

Pablo Iglesias na Coruña (Imaxe: En Marea
photo_camera Pablo Iglesias na Coruña (Imaxe: En Marea)

Podemos inscribiu no rexistro de partidos do Ministerio de Interior Unidos Podemos, a fórmula de confluencia coa que concorreu ás eleccións xerais de 26 de xuño canda Izquierda Unida e Equo, segundo informan varios medios da capital do Estado. Un paso que tería dado sen o coñecemento deses socios de coligazón aos que informou posteriormente. Medios como 'El Confidencial' engaden que este rexistro decidiuse polo grupo máis próximo a Pablo Iglesias, e que nin Consello Cidadán nin Iñigo Errejón foron informados. O líder de Podemos, porén, nega este extremo e calquera mala fe e sinala que o rexistro foi unha medida preventiva adoptada polos avogados de Podemos.

Defendeu que foi unha medida de oficio adoptada polo equipo xurídico da formación morada para evitar “que ningún estraño rexistre as marcas”. Unha medida preventiva, dixo, que el tamén descoñecía que se tivese adoptado e aclarou que os avogados non precisan ningunha autorización para facer este trámite. Tirou ferro ao tema indicando que xa falou con Alberto Garzón (IU) e con López Uralde (Equo) e que están “moi satisfeitos”.

A dirección postal facilitada para o rexistro de Unidos Podemos, informa Eldiario.es, é a actual sede do partido na rúa Princesa 2 de Madrid. Como representante legal rexistrouse o seu avogado, Pablo Manuel Fernández Alarcón.   

Comunicado

Nun comunicado conxunto asinado polos secretarios de organización de Podemos, IU e Equo, afirman que as tres continúan "a apostar na coligazón electoral Unidos Podemos" e que o rexistro da marca "polo equipo xurídico de Podemos" realizouse co "único obxectivo de preservar xuridicamente" a marca.

Comentarios