18-F

Podemos denunciará ante a Xunta Electoral a cobertura de RTVE

A formación critica a súa exclusión na cobertura electoral do informativo do sábado.

Isabel Faraldo, candidata de Podemos, en declaracións aos medios antes da manifestación deste domingo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Isabel Faraldo, candidata de Podemos, en declaracións aos medios antes da manifestación deste domingo. (Foto: Europa Press)

Podemos comunicou esta segunda feira que denunciará ante a Xunta Electoral a exclusión da formación no bloque electoral emitido polo informativo do sábado na cadea de televisión pública española.

A formación morada realizou este sábado, 3 de febreiro, un acto na cidade de Ourense que contou coa participación do deputado no Congreso español Javier Sánchez Serna e voceira estatal, María Teresa Pérez, que non recibiu cobertura algunha dos informativos da casa, que si incluíron, non obstante, ao resto de formacións que se presentan: PP, PSdeG, BNG, Sumar e Vox.

Desde Podemos denuncian que a Xunta Electoral concede os mesmos dereitos electorais á súa candidatura que á de Sumar, e superiores á de Vox, en atención aos resultados obtidos nas eleccións estatais do 23 de xullo na Galiza. Non obstante, a cobertura informativa incluíu cobertura, segundo denuncia a formación nun comunicado, tanto de Sumar como de Voz, non así de Podemos, afirman.

A formación morada afirma que a propia Xunta Electoral recoñeceu estes dereitos electorais, en virtude dos cales a súa candidata a presidir a Xunta da Galiza, Isabel Faraldo, participará na noite desta segunda feira no debate da CRTVG.

Podemos únese desta maneira ás críticas vertidas en redes sociais por parte de Roberto Lakidain, un dos nove conselleiros que forman parte do Consello de Administración da Corporación de Radio e Televisión Española que acusou, a través da rede social X, a Corporación de “faltar ao principio de igualdade e neutralidade”.

Comentarios