18-F

Podemos preguntará á militancia pola coalición con Sumar

A consulta interna de primarias para elixir entre dúas listas incluirá a proposta de confluír nunha única candidatura con Sumar de cara ás eleccións do 18 de febreiro.
Os representantes na Galiza de Sumar, Paulo Carlos López, e Podemos, Borja San Ramón, coincidiron hoxe nunha protesta en defensa da sanidade pública fronte ao Parlamento galego, en Santiago. (Foto: Europa Press)
photo_camera Os representantes na Galiza de Sumar, Paulo Carlos López, e Podemos, Borja San Ramón, coincidiron hoxe nunha protesta en defensa da sanidade pública fronte ao Parlamento galego, en Santiago. (Foto: Europa Press)

O coordinador de Podemos Galicia, Borja San Ramón, anunciou a última hora desta cuarta feira que a consulta ás persoas inscritas da formación morada na que se votan dúas listas para primarias tamén preguntará pola posíbel coalición con Sumar de cara ás eleccións do 18 de febreiro, á cal poderán acceder integramente de forma transparente, precisou.

O líder da formación morada, que conta co beneplácito da dirección estatal realizar esta consulta, confirmou a través dun vídeo publicado nas redes sociais estes avances coa formación de Yolanda Díaz, que esta cuarta feira se desprazou á Galiza para presentar a candidatura de Sumar, que encabezará Marta Lois.

Podemos Galicia activou a pasada fin de semana o seu proceso para a elección de candidatos e candidatas ás eleccións galegas, case ao mesmo tempo en que se desconxelaron os contactos e despois de que a ruptura do grupo no Congreso supuxese unha paralización das conversas coa formación morada na Galiza, non así en Euskadi.

Nesta tesitura, Esquerda Unida mantivo o diálogo aberto con ambas as organizacións e publicamente defendeu como mellor vía a da coalición a tres, como se pactara nas estatais do pasado 23 de xullo e que supuxo manter as dúas representantes obtidas nos comicios anteriores, nomeadamente as deputadas pola Coruña, Marta Lois, e Pontevedra, Verónica Martínez Barbero. Nos seus órganos de dirección, a formación liderada por Eva Solla xa adoptou a decisión de validar e seguir unha coalición a tres.

Así as cousas, Borja San Ramón destacou en primeiro lugar que Podemos naceu como "ferramenta de transformación social" e que permitiu "romper co bipartidismo" e que "o goberno de Mariano Raxoi fose historia". Ademais, subliñou que foi capaz de "articular ferramentas que sacasen un resultado que nunca" obtivera a esquerda na Galiza, tanto a nivel nacional con En Marea, como nunhas estatais con esta mesma confluencia.

Así as cousas, e despois de escoitar a opinión da súa propia dirección e da dirección estatal, Podemos Galicia, consciente de que "para acabar con Rueda" hai que articular "ferramentas capaces de ilusionar", a formación morada someterá a opinión dos adscritos a proposta que recibiu nas últimas horas por parte de Movemento Sumar para formar unha coalición.

Será unha "consulta transparente" no acordo, para que se "pronuncie" a militancia. Ademais, destacou que Podemos, cando chegan os momentos decisivos, sempre se significou por "nunca ter problema por que a xente sexa capaz de decidir o futuro deste país" e "sen vetos".

Comentarios