18-F

IU avoga por unha candidatura conxunta con Sumar e Podemos para as eleccións galegas

"Unha candidatura conformada por EU, Sumar e Podemos desde o respecto e o recoñecemento, pode ser o revulsivo electoral que decante a balanza cara á esquerda", salientan.
Eva Solla en rolda de prensa (Foto: Esquerda Unida).
photo_camera A líder de EU, Eva Solla, en rolda de prensa. (Foto: Esquerda Unida).

A dirección federal de Izquierda Unida manifestou esta quinta feira a súa aposta por unha candidatura conxunta con Sumar e Podemos para as eleccións da Galiza do próximo 18 de febreiro, que é a mesma postura que mantén a súa federación galega. Unha vez que se convocou os comicios, a formación asegura que se abre unha oportunidade de "desaloxar" o PP da Xunta da Galiza e que, por tanto, iso "merece unha resposta á altura" por parte de todas as forzas de esquerda.

"Unha candidatura conformada por EU, Sumar e Podemos desde o respecto e o recoñecemento, pode ser o revulsivo electoral que decante a balanza cara á esquerda", defenden desde a Executiva de IU. Tamén afirman ser conscientes de que serán unhas eleccións "moi rifadas" e que o voto á "esquerda transformadora" é "garantía" para que o PP non poida gobernar, nin en solitario nin tampouco coa extrema dereita.

Tamén criticaron que Galiza, mediante a xestión do PP, está hoxe "sumida nunha situación de estancamento xeral", cunha "grave deterioración" dos seus servizos públicos e de sectores estratéxicos da economía. E arremeteron contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por dedicarse a dar "agasallos fiscais" a millonarios mentres aplica recortes en sanidade e educación.

"Un novo Goberno de Alfonso Rueda nin sequera sería continuista cos do seu valedor Alberto Núñez Feixoo, porque os seus plans serían aínda máis perniciosos para as familias traballadoras galegas", resolven desde Izquierda Unida.

Comentarios