18-F

Sumar anuncia un preacordo de coalición para as galegas con Podemos e EU e ratifica Lois como candidata

Yolanda Díaz desprazouse ao país na tarde desta cuarta feira para dar a coñecer a candidatura de Sumar, a marca que concorrerá ás eleccións e que, se saen adiante as consultas, aglutinará a coalición na que estarán EU, Podemos Galicia, Alianza Verde (que xa asinara coa formación violeta) e Equo.
Paulo Carlos López, Marta Lois e Yolanda Díaz, esta cuarta feira, presentando a candidatura de Sumar. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Paulo Carlos López, Marta Lois e Yolanda Díaz, esta cuarta feira, presentando a candidatura de Sumar. (Foto: César Arxina / Europa Press)

A promotora de Sumar Galicia, reunida esta cuarta feira, validou preacordos políticos con Esquerda Unida (EU) e Podemos Galicia para acudir xuntos ás eleccións galegas, unha decisión que en todo caso pasa por que a ratifiquen todas as organizacións implicadas na coalición. Así o deu a coñecer onte o portavoz da formación na Galiza, Paulo Carlos López, nun acto no que a ministra española de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, presentou a candidata de Sumar ás eleccións galegas que decorrerán o vindeiro 18 de febreiro, Marta Lois.

A candidatura de Lois aglutinará a coalición na que estarán EU, Podemos Galicia, Alianza Verde (que xa asinara un acordo coa formación de Yolanda Díaz) e Equo, que concorrerían baixo a denominación "Sumar Galicia". Logo de conxelarse as relacións pola saída de Podemos ao Grupo Mixto no Congreso dos Deputados e das Deputadas, tras varias semanas con declaracións en sentido contrario e coas primarias de Podemos en marcha, o plot twist ou mudanza de guión vén protagonizado por unha candidata que suscitaría consenso e polo feito de que nas últimas horas desta cuarta feira Sumar puxo enriba da mesa unha proposta de coalición que inclúe os partidos, máis alá das mensaxes de querer "sumar persoas" e non formacións políticas.

Tamén foi determinante a alianza con EU, que pública e internamente reclamou unha coalición a tres e manter a alianza que se tecera para as eleccións estatais do 23 de xullo. Ao longo do día de onte Esquerda Unida avanzaba unha consulta ao respecto do que fontes consultadas recoñecían "avances na construción dun espazo electoral máis amplo que hai dez días".

Mantéñense as primarias de Podemos

As primarias de Podemos proseguirán con normalidade con dúas candidaturas enfrontadas. De feito, o coordinador da formación morada no país, Borja San Ramón, anunciou esta cuarta feira que se mantén a consulta a inscritos e inscritas na que se votan dúas listas, á que se engadirá a proposta de coalición de Sumar.

Así, a ex concelleira da Coruña por Marea Atlántica –formación das que se desvinculou e tomou posesión como non adscrita– Isabel Faraldo encabeza a lista "oficial" nas primarias de Podemos para as eleccións galegas do 18 de febreiro, nunha consulta na que haberá outra candidatura, neste caso parcial (67 dos 75 nomes necesarios), liderada pola ex concelleira da Pobra do Caramiñal (O Barbanza) por Nós Pobra Charo Varela.

Acompañando a Faraldo estarán outros nomes como o propio San Ramón; Carmen Berzosa, candidata nas eleccións municipais en Cangas (O Morrazo) nas municipais; Ximena Cheda, portavoz de Podemos en Lugo; e Víctor Ferreiro, con idéntico cargo na cidade de Ourense.

O colectivo Rexurdir Galicia tamén presentou unha lista, a pesar do "escaso tempo imposto" e as datas escollidas. Encabézaa Charo Varela, que formou parte do Goberno da Pobra durante os últimos oito anos, como responsábel de áreas como Igualdade, Participación ou Facenda.

Comentarios